A Aula Castelao recibe o Premio Pedrón de Ouro 2006
A Aula Castelao de Filosofía vén de ser agasallada co "Pedrón de Ouro 2006"
O Pedrón de Ouro pretende sobrancear aquela personalidade ou entidade vivas e residentes en Galicia, que se teñan destacado na defensa e promoción das diversas facetas da cultura nacional galega ao longo do ano ou a traxectoria dunha vida.
A Aula Castelao de Filosofía agradece moito este recoñecemento, cuio anuncio coincide felizmente coa Clausura da XXIII Semana Galega de Filosofía.
Creado en 1964, en plena represión franquista da nosa cultura e do noso idioma, o "Pedrón de Ouro" ten para os integrantes da Aula un alto valor emotivo e de compromiso ético por canto as ilustres personalidades que o outorgan son mestres na homestidade e na lealdade co pobo galego, paradigamas altruístas da fraternidade nacional galega.
A Aula Castelao de Filosofía espera, no futuro, facer méritos que a fagan digna de tal homenaxe.
O Premio Cidade de Pontevedra 2005, concedido por unanimidade no pasado mes de xaneiro polos colectivos veciñais, culturais e da comunicación de Pontevedra ademais dos grupos municipais do PP, PSOE e BNG foi dedicado pola Aula a todas as xentes pontevedresas.
O Pedrón de Ouro 2006 é ofrecido a todos os galegos comprometidos co noso pobo, no Ano da Memoria (conmemorado pola Aula no ciclo "A Represión Franquista en Pontevedra no pasado xaneiro) no que relembramos a todos aqueles grazas aos que Galicia aínda existe con cara, non caricaturas, propia.