POSICIONAMENTO DOS PROFESORES E DAS PROFESORAS DE OITENTA E DOUS DEPARTAMENTOS DE FILOSOFÍA DOS INSTITUTOS E. S. DE GALICIA
SOBRE O TRATAMENTO DAS DISCIPLINAS FILOSÓFICAS NO ANTEPROXECTO DA L. O. E.
Destinatarios:
Sra. Ministra de Educación. Madrid.
Sr. Conselleiro de Educación . Galicia.
Grupo Parlamentario Socialista. Congreso dos Deputados.
Grupo Parlamentario Popular. Congreso dos Deputados.
Grupo Parlamentario IU-IC-V. Congreso dos Deputados.
Grupo Parlamentario ERC. Congreso dos Deputados.
Grupo Parlamentario Vasco. Congreso dos Deputados.
Grupo Parlamentario Canario. Congreso dos Deputados.
Grupo Parlamentario Mixto (BNG). Congreso dos Deputados.
Defensor del Pueblo. Madrid.
Defensor do Pobo. Santiago de Compostela.
Grupo Parlamentar Popular. Parlamento de Galicia.
Grupo Parlamentar Nacionalista. Parlamento de Galicia.
Grupo Parlamentar Socialista. Parlamento de Galicia.
As Profesoras e os Profesores dos Departamentos de Filosofía de oitenta e dous (82) Institutos de E. S. de Galicia e a Aula Castelao de Filosofía
temos coñecemento do Anteproxecto da L. O. E., singularmente no referido ás disciplinas de ESO e de Bacharelato propias dos Departamentos de Filosofía, en concreto, Ética, Filosofía I e Filosofía II (Historia da Filosofía).Sobre tal Anteproxecto, alén da importancia formativa e informativa das disciplinas dos Departamentos de Filosofía, que nin o memo Anteproxecto pon en cuestión,
MANIFESTAMOS
:
1.- Por experiencia histórica, temos constancia de que a falla de consulta e de participación do profesorado foi a causa principal do fracaso parcial das distintas reformas educativas posteriores a 1978.
2.- Da lectura do Anteproxecto parece inferirse que a LOE postula a redución de carga horaria das materias filosóficas e a eliminación do seu carácter común e obrigatorio dentro da ESO e do Bacharelato, reiteración de erros xa cometidos noutrora por anteriores gobernos en comparanza co vello Plan de BUP-COU. De se confirmar o deterioro da Filosofía na LOE, esta propiciaría alumnos e alumnas adestrados en reflexos pavlovianos publicitarios reiterados antes que no esforzo intelectual.
3.- Parécenos obvia a contradición entre as xa eliminación, xa redución, xa modificación, que afectarían ás disciplinas Ética-Filosofía I-Filosofía II, por unha parte, e alguns dos fins da LOE: “a) …pleno desenvolvemento dos alumnos” e “d) …desenvolver a creatividade, a iniciativa personal e o espírito emprendedor”, ademais de co 1º Principio Xeral da LOE que postula o Bacharelato non só como propedéutica para a vida e capacitación “para acceder á ensinanza superior”, senón tamén como síntese para “incorporarse á vida activa con responsabilidade e competencia”.
4.- Procede pensar que a erradicación da Filosofía II (Historia da Filosofía) do currículo común e obrigatorio conduciría á involución cultural co reacionario horizonte de formar autómatas no canto de humanos autodeterminados.
5.- Se se persiste en reforzar a implícita e desnortada división Letras/Ciencias e en liquidar a Ética, a Filosofía I e a Filosofía II da formación común e obrigatoria dos estudantes de 4º de ESO e de 1º e 2º de Bacharelato, o Anteproxecto da LOE empobrecería substancialmente a educación académica, que se decantaría estruturalmente e estratexicamente polo produto do estudante-fotocopia, reprodutor acrítico e descontextualizado do que outros investigaron e publicaron. Cun tufo ideolóxico rancio de súbditos monárquicos en troques de cidadáns críticos con saber práctico e autónomo.
Consecuentemente co antedito, os Profesores e Profesoras dos Departamentos de Filosofía dos Institutos de E. S. de Galicia
A.- Rexeitamos sen reservas o Anteproxecto da LOE verbo do inmotivado maltrato horario e curricular anunciado para as disciplinas destes Departamentos.
B.- Reivindicamos a permanencia e a condición de obrigatorias e comúns da Ética, Filosofía I e Filosofía II para todo o alumnado, ademais do mantemento das actuais disciplinas optativas dos nosos Departamentos.
C.- Estimamos que as posibles novas materias a incorporar pola LOE en ningún caso poden conculcar as disciplinas filosóficas, historicamente consolidadas e eficientemente fecundas na emancipación e no progreso da humanidade.
D.- Constatamos que calquera reforma educativa está condenada ó fracaso sectario e tecnocrático de ser realizada sen contar coa opinión máis cualificada dos axentes principais da educación académica: os Profesores e as Profesoras.
En Pontevedra (Galicia), a 3 de xuño de 2005.
Por autorización expresa dos Departamentos de Filosofía dos Institutos de E.S. de Galicia ue se indican a continuación, asina o Presidente-Coordinador da Aula Castelao de Filosofía ,Apartado de Correos 332, 36080 Pontevedra,(aula@aulacastelao.com, www.aulacastelao.com., fax 986868081).
Asdo.:
Fernando Pérez López