Ciclo de conferencias
"Memoria da represión franquista en Pontevedra (1936-2006)"
A vindeira semana, do 23 ao 27 de xaneiro, celébrase en Pontevedra o ciclo "Memoria da represión franquista en Pontevedra (1936-2006)", organizado pola Aula Castelao de Filosofía.
En xaneiro de 2005, a Universidade de Vigo e a Aula Castelao, co apoio dos centros universitarios do campus de Pontevedra e de varios Institutos da cidade, comezaron a celebrar, nas vésperas do San Tomé de Aquino, os ciclos "Educación e Cidadanía". O primeiro dos ciclos, "Por unha educación laica", rematou cun manifesto asinado por 1600 profesores galegos. O segundo, "Letras e Exilio" celebrouse co gallo do Día das Letras (17 de maio).
"Memoria da represión franquista en Pontevedra (1936-2006) ", será o terceiro ciclo, coincidindo cos 75 anos da II República, 70 años do golpe franquista e 120 do nacemento de Castelao, así como no primeiro mes do proclamado pola Xunta de Galicia "Ano da Memoria".
O tema central, localizado na provincia de Pontevedra, supón un avance parcial da temática da XXIII Semana Galega de Filosofía "Filosofía e Violencias" que se celebrará entre o 17 e o 21 de abril de 2006.
As conferencias do ciclo "A represión franquista en Pontevedra (1936-2006)" terán lugar de luns a venres na casa das Campas ás 20:00 horas, e contarán coa presenza e o testemuño directo de persoeiros como Francisco Carballo, Alfonso Álvarez Ganda, Bieito Alonso Fernández e Manuel Igrexas Rodríguez (represión franquista no Tui e baixo Miño e Deza), Xosé Álvarez Castro e Dionisio Pereira entre outros.
Para os medios de comunicación, os poñentes de cada conferencia estarás dispoñibles ás 19:45 horas para respostar a calquera pregunta sobre o acto.
Entre as actividades, ademáis das ponencias e mesas redondas, destaca a proxección do filme CCCV (cine clube Carlos Varela) unha homenaxe ao cineasta lugués Carlos Varela Veiga falecido prematuramente no 1980.
O último día, como colofón, pecharase o ciclo de conferencias co testemuño directo dalgunhas das vícitmas da represión franquista, como é o caso de Mariví Villaverde, Concha Nogueira, Amalia Bóveda e a actual concelleira de cultura de Pontevedra, Mª Xesús López Escudeiro.