ILMO. SR. PRESIDENTE DA XUNTA DE GALIZA
ILMO. SR. VICEPRESIDENTE DA XUNTA DE GALIZA.
ILMO SR. ALCALDE DO CONCELLO DE PONTEVEDRA.
A Aula Castelao de Filosofía, asociación cultural, legalmente constituída, con domiciliada en Pontevedra, apartado 332, a V.I., co debido respecto
E X P O N:
Que nas actividades sobre "Educación e Cidadanía" que a Aula organiza ciclicamente en colaboración coa Universidade de Vigo, vén de celebrar unha semana de debates sobre "Memoria e represión franquista", con ocasión do ano da memoria e de se cumprir o setenta anos do inicio da Guerra Civil e dos setenta e cinco da implantación da II República.
Que na clausura da devandita semana fixo público o COMUNICADO que se anexa e
PIDELLE A VOSTEDE
Que dea as instrucións convenientes para que as REIVINDICACIÓNS do COMUNICADO se cumpran no ámbito da súa responsabilidade política.
En Pontevedra, a 30 de Xaneiro de 2006
Asdo. Manuel Ayán
Manifesto para a reconstrución da nosa historia
A "Aula Castelao de Filosofía", asociación constituída por profesionais de distintas ramas do saber, que traballan nos eidos intelectual e docente por transformar Galiza nunha sociedade de cidadáns libres, iguais e solidarios, no labor por aquelar a memoria dos nosos devanceiros e remendar as inxustizas franquistas, asina e dá a coñecer este manifesto reivindicativo.
Considerando
:1. Que os nomes de personaxes, representados en inscricións, imaxes, iconas e que dan identidade a lugares e edificios públicos, teñen como finalidades honrar a memoria deses personaxes, recoñecer o seu compromiso cos valores cívicos positivos e servir de modelos educativos para a cidadanía, mostrándoos como exemplos de conduta desexable.
2 Que na actualidade se exhiben inscricións, iconas e nomenclaturas en edificios e lugares públicos das nosas vilas e cidades de persoas que destacaron pola súa práctica en contra dos valores cívicos e das condutas democráticas.
3 Que existen persoas que destacaron polo seu compromiso cívico e democrático e que, precisamente por iso, foron encausadas e condenadas pola xustiza do fascismo franquista e que fican esquecidas no relato da historia.
4. Que cada nación ten dereito a relatar a súa propia historia e a interpretar o papel que nela xogaron os seus devanceiros.
Requirimos de vostede
:Que se revisen as inscricións, iconas e nomenclaturas dos lugares públicos e se retiren as daqueles persoas que non tiveron unha práctica social adecuada aos valores cívicos e ás actitudes democráticas.
Que se revisen os xuízos políticos e os consellos de guerra celebrados durante a represión franquista e se restitúa a honra e os bens materiais e morais confiscados inxustamente aos encausados e ás súas familias.
Que se rescaten do río do esquecemento e se lles asigne unha presencia nobre nas nosas vilas e na nosa historia a todas aquelas persoas que sufriron a tortura e o axustizamento a causa do seu compromiso coa liberación de Galicia, cos valores democráticos e coa igualdade humana.
Que se deposite nos arquivos de Galicia toda a documentación referente á súa práctica social e se poña ao dispor dos estudosos da nosa historia.
En Pontevedra, a vinte e sete de Xaneiro do ano 2006
Aula Castelao de Filosofía