Manifesto por unha educación laica:

 

              A "Aula Castelao de Filosofía", unha asociación constituída por profesionais de distintas ramas do saber, que traballan nos eidos intelectual e docente por transformar Galiza nunha sociedade de cidadáns libres, solidarios, na festa da ensinanza, asina e dá a coñecer este manifesto reivindicativo.

 

Considerando:

Que o Estado, como reitoría política e xurídica da sociedade territorial, debe proporcionar aos cidadáns, que o integran, os medios materiais e culturais aos que eles teñen dereito.

Que as institucións relixiosas son entidades privadas, que teñen os seus propios regulamentos xurídicos, os seus propios credos e corpos doutrinais, os seus propios sistemas financeiros e os seus propios espacios, que en nada obrigan aos cidadáns.

Que os poderes relixiosos non teñen dereito nin a violentar o ordenamento xurídico do Estado para que se tipifique como delito as conductas que eles teñen cualificadas como pecado, nin a inxerir no sistema educativo para que inclúa a catequese no currículo escolar,  nin a manipular o aparato propagandístico, para se podan amosar símbolos confesionais nos lugares públicos, nin a posuír espacios de culto dentro dos edificios da administración do Estado

En consecuencia esiximos:

1. Ás autoridades estatais, responsables do poder globalitario, que non mesturen crenzas relixiosas, e por ende privadas e confesionais, con dereitos civís, isto é, públicos e universais.

2. Ás autoridades relixiosas que non se constitúan en grupos de poder, coactivamente externos á súa confesión, coa finalidade de forzar aos gobernos para que mesturen e confundan os dereitos do Estado, comúns e públicos, cos seus intereses particulares e privados.

  3. Que o currículo escolar do sistema educativo estea integrado exclusivamente,  na parte correspondente á formación intelectual, por contidos avalados racional e cientificamente, e na parte referente á socialización, por valores universais que o enraícen no medio e contribúan a construír unha sociedade mundial de pobos e cidadáns iguais e libres.

  4. Que a ensinanza da relixión sexa eliminada do currículo escolar.

5. Que a Facenda Pública se desvencelle da xestión e fornecemento de medios financeiros ás institucións relixiosas.

6. E demandamos a inmediata derrogación do concordato de 1979 entre o Estado español e o Estado Vaticano.

Pontevedra, 27 de xaneiro de 2005

 

Este comunicado foi aprobado por aclamación en Pontevedra, o día 27 de xaneiro do ano 2005, na clausura das xornadas "Educación e Cidadanía", organizadas pola Universidade de Vigo e a Aula Castelao de Filosofía, co gallo da Festa da Ensinanza, que se vén celebrando baixo a protección totémica de Tomé de Aquino.

A Aula Castelao de Filosofía someterá este Manifesto á adhesión dos congresistas da XXII Semana Galega de Filosofía e, con posterioridade, á solidariedade de institucións galegas non gobernamentais, nin confesionais.