XXI Semana Galega de Filosofía: Filosofía e Cidadanía
** A XXI SEMANA GALEGA DE FILOSOFÍA CONDENA OS MASACRES EN IRAQUE
** DEMANDA A RETIRADA DAS TROPAS DE OCUPACIÓN
Diante das informacións contrastadas e directas sobre os masacres que nestes días está a sufrir a poboación civil en numerosas cidades iraquíes despois dun ano da ilegal guerra e de doce anos de horrible bloqueo; en sintonía con milleiros de organizacións internacionais intelectuais, pacifistas e solidarias e con numerosas persoalidades mundiais desde o Papa Xoán Paulo II ao Comandante Fidel Castro,
O Congreso Internacional "XXI Semana Galega de Filosofía", organizado pola Aula Castelao de Filosofía en Pontevedra (Galiza) do 12 ao 16 de abril de 2004, no seu primeiro día de sesións, ACORDA:
1.- Rexeitar todo tipo de guerra xa que "a guerra máis feliz (...) é unha gran penuria dos pobos" para Frei Bieito Xerome Feijoo, porque "na guerra mátanse persoas que non se coñecen polos intereses de persoas que si se coñecen, pero que non se matan" que escribiu Paul Valèry, xa que "cando os pacificadores apuntan, por suposto que tiran a pacificar e, ás veces, ata pacifican dous paxaros dun tiro" segundo asinou Mario Benedetti, membro de honra da Aula Castelao de Filosofía.
2.- Repudiar expresamente os masacres contemporáneos do pobo iraquí e da nación palestina baixo as botas dos gobernos dos EE. UU. de América e dos seus aliados.
3.- Demandar de todos os homes e mulleres de boa vontade que esixan o cesamento dos masacres e a retirada incondicional e inmediata de Iraque e de Palestina das tropas de ocupación porque "ningún Estado debe inmiscuírse pola forza na constitución e no goberno doutro", tal como deixou claro Inmanuel Kant en Cara á paz perpetua hai máis de douscentos anos.
Pontevedra (Galiza), a 12 de abril de 2004
.