XXIV Semana Galega de Filosofía: Filosofía e Diferenzas
Elvira Riveiro
Membro da Aula Castelao de Filosofía
Autoridades, convidadas/os e asistentes a esta Semana Galega de Filosofía, amigas e amigos. Conclúen, con esta que estamos a punto de despedir, vinte e catro anos de semanas galegas de Filosofía. O afán dos membros da Aula Castelao foi, desde os seus comezos (comezos que moitos dos que estamos aquí non podemos lembrar por sérmonos apenas unhas crianzas) espallar a Filosofía e o pensamento crítico. Unha actitude desconforme, nunca tépeda nin condescendente, sempre alerta, guiou as persoas que ao longo destes anos dedicaron esforzos e horas de traballo a este proxecto colectivo, a este edificio comunal. O compromiso vén sendo o mesmo desde aquel xa afastado 1984: o pensamento libre, plural, crítico e a contra corrente, sempre orientado á praxe (...) Contra as resesas ideas enlatadas, submisas, abstractas, procuramos a praxe; ser cultos para vivirmos libres. Palabras, estas últimas, que non puidemos máis que rescatar da voz lúcida, sempre pronta a atinar no albo, do noso compañeiro e amigo Fernando Pérez, cuxa ausencia se sente máis, se couber, nestes días.
Dispómonos a dar xusto termo a cinco xeiras activas de propostas, reflexións e debates (todos eles transcenderon con certeza a seguridade e a inercia destas paredes para esparexerse nas rúas, para propagarse nas conversas de café e para atravesar as soleiras das casas). Chega o momento das conclusións, de facérmonos un repaso polas múltiples diferenzas que neste foro de debate se foron presentando. Desde logo a nómina non se esgota aquí: outras diferenzas asoman desde os máis diversos recantos; o seu rostro é ás veces case invisíbel, frecuentemente incómodo, en ducias de ocasións silenciado.
O concepto de diferenza consolídase nas tres últimas décadas e vincúlase ao de recoñecemento. O recoñecemento do outro concreto “dentro dos seus propios valores, a súa concepción do mundo e a vida”. O recoñecemento da pluralidade cultural; das minorías étnicas, raciais, sexuais; da multiplicidade de racionalidades onde hai diversos dialectos e valores e onde se ten conciencia do seu carácter continxente. Este principio do recoñecemento tería como valor guía a tolerancia, entendido como que: “A sociedade debe respectar todas as manifestacións culturais que afonden no recoñecemento do outro, nas prácticas sociais que fomenten o pluralismo, o multiculturalismo e a ética e, debe respectar todas as manifestacións culturais e políticas onde a sociedade se recoñeza a si mesma ao recoñecer os demais”.
A Aula Castelao de Filosofía, cando decidiu a temática da súa vixésimo cuarta edición, pensou que este concepto de diferenza debía ser reactualizado ollando cara ao futuro e quixo nomear as “diferenzas”: un plural que modifica de maneira profunda o concepto, dinamízao e reconstrúeo para dar cabida aos novos fundamentos ontolóxicos e epistemolóxicos que son capitais para achegármonos aos retos ineludíbeis aos que nos conduce o século XXI. Retos que, como insistiron Vicenç Navarro e Heinz Dieterich esixen a precisión do dato científico, do rigor metodolóxico e da presenza “real” do mundo cibernético. Agora ben, a tantas veces deostada Filosofía, (polo seu discurso circular fechado, lóxico e coherente mais construído á marxe da “información descritiva sobre o mundo real”) está hoxe tan ou máis viva e é tan ou máis imprescindíbel que na ágora grega, pois é a “comunidade filosófica” a que primeiro nomea e aproba o que logo a ciencia comproba. Unha comunidade (a filosófica) en que o discurso do “un”, do “ser”, do “estático”, inaugurado por Platón e continuado durante case dous milenios, fragmentouse coa irrupción do pensamento feminista, que desembocou no recoñecemento das fisuras do discurso de universalidade para obrigar a adestrar a ollada e facer visíbeis as invisíbeis. Así, a Filosofía, de teoría transcendente e nouménicos “eu(s)” abstractos, tomou forma en corpo de muller e adoptou a narración, os xogos da linguaxe, as posicións interactivas, as “historias” que fan Historia e fixo realidade a máxima zapatista: “cando unha muller avanza non hai home que retroceda”. Aquí, Fina Birulés e Rosa María Rodríguez Magda, exemplos desa xenealoxía de mulleres, mostráronnos con audacia modos diversos para aproximarse á complexidade escénica do actual ámbito político.
Foi esta unha semana pouco hermenéutica, abundante en pensamentos propios, de narrativas cotiás e extraordinarias, plurais e diversas, arriscadas e críticas... fronte a un inimigo grande e poderoso pero vulnerábel se todas e todos nolo propomos; un inimigo que ten unha potente infraestrutura: a globalización económico-cultural e unha superestrutura edípica e castrante: o pensamento único. Permítannos daquela lembrarlles fragmentos esperanzados das historias aquí narradas nestes cinco últimos días:
Pensar as diferenzas supuxo pensar, en primeiro lugar, que boa parte das diferenzas sociais están fundamentadas no poder de clase e no poder de xénero. Que se botamos unha ollada aos gastos sociais por habitante no noso país (aqueles gastos que inciden máis nas persoas con maiores necesidades sanitarias ou educativas) poderemos concluír (contradicindo o tan manido lema da dereita) que Galiza non vai ben, que vai bastante peor que o conxunto do estado español e moito peor que os nosos veciños europeos. Ou iso foi o que tentou mostrarnos o profesor Vincenç Navarro, deixando patente con datos concretos que o gasto social no estado español é moi deficiente, que realmente podemos falarmos dunha situación de subdesenvolvemento social, dun estado de cousas realmente penoso que non centra a atención mediática nin política fundamentalmente por razóns de clase. Onde as clases privilexiadas (esa burguesía que ten dez anos máis de esperanza de vida que as/os traballadoras/es menos cualificadas/os) non están afectadas polas insuficiencias pois non usan os servizos públicos. Onde boa parte dos fondos públicos serven para subvencionar o ensino privado e concertado (frecuentemente confesional) co que isto implica para o desmantelamento e penuria do ensino público, o único que debe promover e protexer unha sociedade que se queira chamar realmente democrática. Onde as axudas ás familias son ínfimas e os servizos domiciliarios están cubertos polas mulleres, que se ven na obriga de suplir as carencias dun estado que se quere chamar do benestar, mais que apenas o é para uns poucos. Mulleres que se ven forzadas moitas veces a non ter vida propia, a non ter traballo estábel, co custo humano e social que isto implica. Onde unha das lacras ideolóxicas que se nos intenta inocular é a negación do carácter plurinacional do estado español, un feito que xa comezara a ser recoñecido durante a II República.
Cómpre lembrarmos agora o carácter marcadamente laico daquela República dos anos 30 da pasada centuria. Extinta esta, Deus resucitou nos corazóns (e nas pesetas) franquistas que recordaban que o “caudillo” o era por “graza de Deus”. Hoxe, décadas despois, os laicistas seguen necesitando proclamar a súa diferenza fronte aos que acatan o credo da “santa” Igrexa ou aqueles posmodernos que falan de relixión como feito diferencial. Así, Vattimo afirma que existe un novo interese pola relixiosidade a nivel de masas, unha nova posibilidade de falarmos de Deus e de crermos en Deus, unha relixiosidade posmoderna. Ante a súa ausencia, Heinz Dieterich converteu estas aseveracións en preguntas e rebateu, desde a ciencia, algunhas das ideas que apuntaba Gianni Vattimo. A suposta nova relixiosidade tería detrás, en realidade, uns intereses moi concretos: un mundo dominado por Occidente, a necesidade do control do resto da humanidade para dominala e explotala. Para o profesor Dieterich non hai nada na Igrexa que nos indique (máis ben todo o contrario) que esta poida camiñar cara a unha apertura, cara a un menor autoritarismo ou dogmatismo, cara a unha Igrexa posmoderna. O mesmo que as linguas dominantes teñen funcionado como elementos unificadores, cohesionadores, en definitiva, como negadores da diferenza (lembremos a frase de Nebrija, xa no século XV: sempre a lingua foi compañeira do imperio), a Igrexa, (non o esquezamos, igualmente compañeira do imperio) o que pretende é funcionar como elemento de ligazón, de uniformización, “salvar” o mundo uníndoo a través da relixiosidade e, de paso, negar a ciencia e levarnos polo escuro camiño da involución. Dun xeito totalmente diferente ao profesor Dieterich, pero autenticamente revelador (como o propio título indica: A Revelación) o autodenominado “terrorista lúdico” Leo Bassi non desaproveitou a ocasión para conxugar acentuada e mordaz crítica á Igrexa con humor e espectáculo provocador. As incongruencias do estamento eclesiástico, os dogmas de fe transmitidos de xeito irracional ou a imposibilidade de subverter a perversidade das grandes relixións monoteístas, levan a Leo Bassi a querer converternos ao laicismo, ao pensamento filosófico, á case extinta harmonía coa natureza.
E con Leo Bassi, Iván Prado. O noso “pallaso internacional”, optimista como só poden selo aquelas/es revolucionarias/os que saben que a loita paga a pena, acredita en que é posíbel romper todos os muros da ditadura a través da risa e da fraternidade humana, que é posíbel construír un mundo diferente mesmo con bombas estoupando á nosa beira e con canóns apuntándonos. Sempre hai, sempre, aínda que nada máis sexa que un raio de luz que nos permite saír adiante, e, aínda nas situacións máis duras, sorrir pode constituír a maior mostra de resistencia e insubmisión pois a risa é revolucionaria.
Como revolucionaria é a proposta do teórico do Socialismo do século XXI Heinz Dieterich, que explicou ante un auditorio expectante as bases da teoría económica do novo Socialismo. Despois de sinalar que o problema principal do sistema poscapitalista é de carácter informático, amosou como o prezo é un elemento clave para mudar a economía de mercado, unha economía por principio tan nefasta que as alternativas reais que nos quedarían serían: barbarie nuclear capitalista fronte a Socialismo do século XXI. Este novo paradigma socialista levaría a substituír a contabilidade do prezo polo valor e a mudar o principio de equivalencia. Unha das palabras chave deste sistema é a autoxestión: a economía socialista non só debe ser eficiente senón tamén democrática.
Base precisamente de calquera proposta democrática é a visibilización. Xa os modernos falaban da instauración do parlamento democrático como espazo de pluralidade, transparencia e visibilización. Ao mesmo tempo, os revolucionarios franceses proclamaban a tríada de valores máis coñecida da historia (liberdade, igualdade e fraternidade). Pero como ben explica Carole Pateman no seu libro O contrato sexual, foi o contrato fraternal entre varóns o que fixo que as mulleres non conseguisen a liberdade nin a igualdade. Este proceso de deconstrución do discurso ilustrado por parte das teóricas feministas serviu a Fina Birulés para conducírmonos polo complexo entramado do feminismo, plural e crítico, que pensou as categorías de igualdade e diferenza, reclamou os contextos, sen negar a necesidade dos principios éticos reguladores das relacións (imparcialidade e xustiza) para proclamar que as mulleres non teñen dereitos na sociedade de hoxe a non ser porque participan directamente na súa creación e defensa. Este dereitos pasan, en palabras de Fina Birulés, pola defensa da liberdade como carácter universalizábel da diferencia, entendendo por diferenza “non deixarse atopar onde a unha a esperan”. Só así as mulleres poderemos desenvolver un espazo onde sexa posíbel manifestar a nosa singularidade e a nosa liberdade.
Dito noutras palabras, as mulleres, tantas veces ocultadas ao longo da historia (e aínda hoxe, non o esquezamos), formarían parte dese nivel que fica por debaixo da diferenza lexítima estabelecida polo poder (poder de xénero que xa nos advertía Vicenç Navarro). Non podemos falar de diferenzas sen referírmonos a ese nivel invisíbel, a ese nivel negado, agochado baixo múltiples burkas que podemos atopar na nosa suposta democrática e libre sociedade occidental. Así o sinala Rosa María Rodríguez Magda ao afirmar que todas as disidencias, todas as diferenzas, deben ter a súa voz, sobrepoñéndose a ese nivel de diferenza lexítima que os que sustentan o poder pretenden impor. Magda falounos dun novo paradigma para interpretar a realidade actual: a transmodernidade, síntese da modernidade (recupera os seus retos) e da posmodernidade (asume as súas críticas) constituiríase no opus totalizante onde emerxen todas as condicións e contradicións do noso presente. Esta nova situación revela un mundo en constante transformación, onde prima a simultaneidade, a hexemonía da razón dixital, a realidade virtual, o cíborg. Tal primacía non debería ocultar, senón potenciar, as formas diversas de expresión identitaria. Nesta posición, e multiplicando o eco das escritoras galegas, situouse Helena González. Estas mulleres que deciden facerse visíbeis, que deciden crebar os patróns marcados, que sorprenden tanto a homes como a mulleres, foron obxecto dun discurso que camiñou desde a novidade que supuxeron as poetas dos 90 á aparición do fenómeno literario de Teresa Moure (con varias obras destacadas dadas ao prelo nun brevísimo espazo de tempo). A situación das escritoras galegas cualifícase entón como de visibilidade e de aparente normalidade. A visibilidade é máis efectiva porque a cultura galega ten complexo (de que nos faltan cousas) e hiperconciencia de carencia, o que permite que funcione o chamado “paraugas totalizador” (nas escritoras galegas o discurso nacionalista funcionaría como tal paraugas totalizador sobre o discurso de xénero). Por outra banda, vimos como esa visibilidade de que falamos, faise patente grazas a que no imaxinario colectivo existe unha figura feminina (Rosalía) que contribuíu a que os xestores da literatura permitisen entrar no canon as novas escritoras. A normalidade é, no entanto, aparente, pois non hai tantas mulleres que escriben como se pensa (basta botar unha ollada ás listas de premiadas/os nos certames literarios ou aos libros publicados). A pesar de vivírmonos nunha situación só aparentemente normal, as chamadas “escritoras violetas” caracterízanse por manter as posturas máis combativas, son as que teñen máis vontade de transformación, así como as que subverten a gramática. Aínda que ben é certo que isto non atinxe a todas as autoras nin a todas as obras escritas por mulleres. Só aquela literatura que inclúe estándares de diferenza poderá considerarse, avísanos Helena González, como “literatura violeta”.
Xustamente da figura fundadora da nosa literatura, unha muller, unha Rosalía de Castro, non sempre ben entendida nin interpretada, parte o relatorio de Anxo Angueira. Falarmos das nosas diferenzas é falarmos, tamén (e de xeito moi especial) de lingua. Na mesa constituída arredor do tema “Lingua e Nación” Anxo Angueira sinalou como a lingua vén a ser o soporte principal da nosa diferenza, símbolo de resistencia á dominación, de diferenza identitaria, de recuperación da autodeterminación e de independencia (malia aos proídos que ás veces adoita provocar esta palabra). Angueira levounos en fermosísima e esclarecedora camiñada desde Sarmiento e Rosalía a Ferrín, desde Cantares Gallegos até Bretaña, Esmeraldina (pasando, como non, polo imprescindíbel Arredor de si de Otero Pedrayo ou o Retorno a Tagen Ata do propio Ferrín). Internámonos canda el na lingua obreira (“lingua proletaria do meu pobo” que nos “enche a boca enteiramente”) mais tamén na nefasta falacia do bilingüismo harmónico. “Non temos casa, non temos propiedades: o noso capital é a lingua”, afirmou. A casa da nación galega é o idioma de noso ou, dito en versos seus pronunciados hai ben pouco nesta cidade, A casa nosa está na rúa,/ vai ceiba nos outeiros e nas illas, en poldro ou dorna, na defensa da ría,/ nos muíños, nas pontes, nos canastros,/ a esboroarse e a se erguer mil veces e primaveras máis aínda./ A nosa casa é un faiado ciscado no quinteiro ou na ribeira, nas hortas de tras.(...) A nosa casa é inexpropiábel. Esta casa aberta e comunal que nos pertence está, en palabras de Darío Xohán Cabana, “sempre en proceso de creación e mudanza”, “é un ser vivo en perpetuo crecemento e cambio”. Porque A casa nosa non ten escrituras./A nosa casa é a escritura (Angueira), Cabana defendeu, contra o constrinximento dunha norma excesivamente punitiva, unha lingua abundancial, rica, onde teñen cabida a variedade e os matices, a liberdade da/o escritor/a para xogar coa súa maleabilidade.
Cabana e Angueira evidenciaron como a nación galega cómpre vinculala de xeito moi estreito coa lingua. Mais unha nación tampouco se pode desvincular dun territorio concreto. A, para algúns, “nosa terriña”, transfórmase, na palabra experta e documentada dos urbanistas, en territorio, en solo que é necesario ordenar, respectar e pór en valor Desde o urbanismo, José Manuel Tato e Juan Luís Dalda, achegáronnos aos desequilibrios sociais existentes entre os diferentes territorios, desequilibrios que necesitan, para a súa superación, de políticas públicas educativas e de revalorización do noso patrimonio ambiental e cultural. Aproximáronnos, por outra banda, ao tan recorrente feísmo urbanístico, devastador do territorio, e consecuencia de factores concretos que promoven a desfeita (o abandono do sector primario, o despoboamento ou un autoodio que nos leva ollar como desexábeis modelos aberrantes e destrutores). Fronte a un urbanismo que arrasa, decepa e aniquila, as propostas avogaron pola recuperación do noso patrimonio histórico e ambiental; pola ocupación ordenada do solo e, en definitiva, pola práctica dun urbanismo sustentábel. Na mesma liña, o tamén urbanista Daniel Pino, soubo amosarnos que o urbanismo non ten por que ser unha arma de destrución masiva e que, moi polo contrario, este debe procurar a xeración de riqueza e emprego, a consolidación do benestar cidadán, e a defensa do común acervo natural e cultural. O deterioro do territorio debe facernos conscientes, máis ca nunca, de que o urbanismo é unha tarefa colectiva, de toda a cidadanía e, cuxo resultado, dependerá en boa medida en saber conxugar adecuadamente o interese xeral e os intereses particulares.
Foi esta unha Semana cunha profunda orientación marxista, que quixo apostar por complementar a máxima da tese 11 sobre Feuerbach na cal Marx pedía non só pensar a realidade, senón tamén transformala. As claves desa transformación comprometida na acción real e concreta proporcionóunolas Jurjo Torres ao reivindicar que a “paideia”, a educación formal e non formal, debe contribuír ao éxito escolar do alumnado, sexa cal for a súa situación social, cultural e económica. Diferenzas e educación articulan un discurso que sinala como unha das grandes metas do sistema educativo actual a necesidade de axudar a construír un mundo onde as diferenzas sexan plenamente compatíbeis co recoñecemento, coa xustiza redistributiva e coa igualdade de dereitos. Tal reto implicaría a aposta por unha cultura de participación democrática nos centros de ensino, así como unha institución escolar flexíbel e aberta, onde todas as persoas que alí se reúnen ensinan e aprenden.
No entanto, quen máis nos apegou á experiencia persoal, foi sen dúbida Ignacio Salazar. Descubriunos que se ollamos a sociedade baixo os mesmos criterios de “incapacidade” que se usan para clasificar as minusvalías, comprobaremos decontado como a sociedade é tamén, en múltiples aspectos, minusválida. Os “normais” dentro de calquera sociedade son, deste xeito, os menos; e os máis (as mulleres, os xitanos, os minusválidos, os negros, os musulmáns, os comunistas, os drogadictos...) somos “anormais”. O único que nos une a todas/os é a exclusión. Soubemos tamén como os minusválidos procuran outros camiños para chegar aos mesmos lugares e como isto se fai acompañando altas doses de autocrítica. E, irremediabelmente, “aquel que é crítico consigo mesmo acaba por ser crítico coa sociedade onde vive”. A crítica de que nos fala Ignacio Salazar non é gratuíta nin frívola, senón que procura mellorar o espazo compartido por todas/os, un espazo onde as mellores ideas e intencións non teñen sentido se non hai persoas dispostas a levalas a cabo. Este mesmo espírito crítico maniféstase na afirmación de que marxismo e feminismo son fontes básicas para reconstruír o concepto de minusválido.
As pinceladas definitivas de todo este cadro que estivemos a perfilar coas palabras das/os nosas/as relatoras/es foron trazadas pola man firme de Ángel Gabilondo ao propornos “facer da nosa propia vida unha obra de arte”; ao lembrar que “o falar non é dicir e o dicir non é ser: falamos tanto que o deixamos todo perdido de palabras e, no entanto, non dicimos nada”; ao lembrarnos igualmente que “quen non admite a súa propia diferenza non admite a estrañeza do outro”. Ángel Gabilondo, con maxistral destreza, constrúe un discurso que vai da metafísica á física, da física á psicoloxía, co fin de animarnos a tomar unha posición política práctica; unha política que contén dous principios básicos: 1) “O conflito é o pai de todas as cousas” e 2) “É imprescincíbel crear condicións de posibilidade para a palabra de cada un e de todos”. Esta política tería o seu principal inimigo na xente que se quere pouco a si mesma.
Até aquí os sucintos trazos de intervencións fecundas e plurais, abertas e suxestivas... As/os que as gozaron, debateron e rebateron saben de innúmeros matices que, loxicamente, non poderían ficar aquí expostos. Conclúe hoxe esta XXIV Semana Galega de Filosofía. As e os que a organizaron non teñen xa máis tarefa que a de agradecer as máis de mil inscricións, a participación directa da comunidade filosófica galega, da activa cidadanía de Pontevedra, a confianza das institucións que nos permiten levar a cabo este congreso internacional ao contribuír co seu patrocinio e financiamento (Concello de Pontevedra, Colexio de Avogados, Caixanova, Paradores, Consellería de Cultura e Deporte, Consellería de Educación). Neste capítulo, merece un lugar destacado a entidade que coorganiza a Semana xunto coa Aula Castelao de Filosofía. É precisamente esta entidade, a Universidade de Vigo, a que lexitima a validez académico-docente do evento. O noso recoñecemento agradecido tamén para todas/os as/os traballadoras/es deste auditorio Caixanova pola súa amábel disposición e o seu bo facer profesional.
Cando saiamos hoxe de aquí ficarán fechadas as portas do auditorio Caixanova, mais a XXIV Semana Galega de Filosofía terá un ano por diante para propagar o seu eco, para converterse en acción comprometida e é que, tras estes cinco días, non podedes “ir en paz”, así como tampouco a Aula Castelao pode predicar “a paz sexa convosco e co voso espírito” se iso significa voces caladas en aras da concordia e o consenso, suxeitos submisos e obedientes, silenciar as diferenzas, evitar a autocrítica e recrearse na autocompracencia.
Un ilustre ilustrado (valla a redundancia) natural de Köninsberg para sermos máis exactos, amante do xuízo racional, comprometeu a conciencia ética do suxeito racional durante case douscentos anos cun fermoso e breve opúsculo intitulado Que é a Ilustración? ao proclamar o “Sapere aude”. Na nosa historia, a da Aula Castelao de Filosofía, un home, natural de Sarria para sermos máis exactos, amante do compromiso activo, comprometeu a conciencia ética dos membros da Aula durante case vinte e cinco anos e, nun breve ensaio escrito con motivo da entrega do Pedrón de Ouro, proclamou que sermos diferentes non debería ser un factor de risco.
Para rematar, e como ilustre colofón a este congreso, a Aula Castelao ten hoxe a inmensa honra de contar coa presenza do insigne galeguista don Avelino Pousa Antelo que fechará a continuación esta XXIV Semana Galega de Filosofía.
Moitas grazas.
Pontevedra, 13 de abril de 2007
AULA CASTELAO DE FILOSOFÍA