XXI Semana Galega de Filosofía: Filosofía e Cidadanía

 

Diario da XXI Semana Galega de Filosofía

 

Chega a XXI Semana

Luns 12 de abril

Martes 13 de abril

Mércores 14 de abril

Xoves 15 de abril

Venres 16 de abril

 

 

Chega a XXI Semana

A XXI Semana Galega de Filosofía inaugura o luns o debate sobre a cidadanía

Os movimentos sociais protagonizan o congreso da Aula Castelao

O luns día 12 comeza en Pontevedra a XXI Semana Galega de Filosofía que este ano centrará os seus debates no tema da cidadanía e os movementos sociais. Durante cinco días diversos teóricos e representantes de distintas organizacións abordarán temas como a participación dos cidadáns na toma de decisións, o dereito á diferencia ou a relación entre a globalización e exclusión. Despois dun ano no que o Prestige e a invasión de Irak provocaron as maiores mobilizacións das que temos memoria, a Aula Castelao quixo abrir un espacio á reflexión sobre os movementos sociais.

Máis de mil persoas inscribíronse xa nos días previos de inicio da XXI Semana Galega de Filosofía. De seguir as previsións ao respecto doutras edicións, a cifra achegarase aos mil cincocentos de persoas, cifra que converte ao congreso organizado pola Aula Castelao de Filosofía no que máis atención provoca dos que se celebran ao longo do ano. Despois de celebrar a súa vixésima edición, a Semana Galega de Filosofía constitúese xa nun foro completamente consolidado que cada ano recibe a algúns dos máis prestixiosos intelectuais do momento para poñer sobre a mesa un tema escollido, entre outras razóns, polas súas implicacións sociais. A cidade de Pontevedra transfórmase nestes días en referencia inevitábel de pensamento ao acoller un encontro polo que xa durante máis de dúas décadas pasaron centos de filósofos, escritores, políticos ou sociólogos entre os que se topan os máis destacados nomes do pensamento de todo o mundo.

            Ás 10.30 do luns día 12 terá lugar o acto de inauguración no Auditorio de Caixanova en Pontevedra, local xa tradicional de celebración das Semanas. A coordinadora da Aula Castelao, Carme Adán e distintos representantes das institucións que apoian o congreso darán saída a cinco días de intensos debates nos que, en sesións de mañá, tarde e noite, arredor dunha vintena de relatores participarán no encontro que este ano ten como título “Filosofía e cidadanía”. Tras un ano marcado polas grandes mobilizacións organizadas como protestas contra a catástrofe do Prestige e a invasión de Irak, a Aula Castelao decidiu levar a debate o concepto de cidadanía xunto cos temas derivados como son os movementos sociais, a participación nas decisións políticas ou a propia globalización e o dereito á diferencia. Así, ademais de prestixiosos intelectuais que teñen afondado nestes diversos temas, na Semana Galega de Filosofía están convidados representantes de distintos movementos sociais que achegarán a Pontevedra as súas propias experiencias e, nalgunhas das intervencións, a defensa de que “outro mundo é posíbel”.

            O día inaugural da XXI Semana Galega de Filosofía inclúe no programa a conferencia do filósofo George Labica titulada “Cidadanía, mito ou realidade?” que será a primeira das intervencións do congreso despois do acto de apertura. Pola tarde María Reimóndez e Emilio Martínez, da Coordenadora de ONG´s Galegas, abordarán o tema da cooperación e o desenvolvemento para rematar a xornada a conferencia do escritor Joaquín Albaicín que ten como lema “Pobo xitano. Do prexuízo latente ao segundo xenocidio”. Será este o primeiro día das cinco xornadas do congreso no que tamén intervirán Amelia Valcárcel, Juan Ramón Cápella, José Lorite Mena e Nicolás Sartorios nas sesións de mañán, dedicadas especialmente a repensar o concepto de cidadanía e as súas relacións co poder, a democracia e os medios de comunicación. Completarán o ciclo da tarde dedicado ás “Alternativas desde Galiza” catro sesións máis nas que destaca a forte participación de representantes de distintos colectivos e movementos sociais como o escritor Carlos Santiago de Burla Negra, Lupe Ces en representación da Marcha Mundial das Mulleres e Iván Prado como membro das Redes Escarlata que comporán unha mesa dedicada á participación cidadá e a cultura; Beatriz Suárez Brionés e Xosé M. Buxán Bran que tratarán o tema da sexualidade e os dereitos e as conferencias do filósofo Francisco Sampedro e o escritor Suso de Toro.

Ademáis de Joaquín Albaicín, que será o primeiro en intervir na xornada do luns, ás sesións de noite agrupadas co título “Movementos sociais e cidadanía” están tamén convidados o político boliviano Evo Morales, un dos máis destacados símbolo da loita contra o neoliberalismo e a dominación americana en latinoamérica, o sociólogo Fernando Álvarez Uría reflexionando sobre os movimentos sociais e a democracia nas institucións, o economista Pedro Arrojo para falar do tema “Auga: dereitos humanos, dereitos sociais e negocio”. A sesión de clausura do congreso correrá a cargo do escritor Ramón Chao.

 

A Aula Castelao inaugura o seu debate sobre a cidadanía e os movementos sociais

O filósofo Georges Labica abre a XXI Semana Galega de Filosofía

Serán cinco días de conferencias e debates agrupados baixo o lema “Filosofía e cidadanía”. Desde os filósofos Georges Labica, Amelia Valcárcel, Juan Ramón Capella ou José Lorite ate o líder indixenista Evo Morales pasando polo polítologo Nicolás Sartorius ou os escritores Suso de Toro, Ramón Chao e Joaquín Albaicín até vinte convidados participarán nesta XXI Semana Galega de Filosofía que comeza o día 12 en Pontevedra e que conta tamén con presencia de representantes dos movementos sociais.

A conferencia do filósofo Georges Labica titulada “Cidadanía, mito ou realidade?” significará o luns ás 10.30 horas no Auditorio de Caixanova en Pontevedra o arranque de cinco xornadas nas que se repensará e debaterá arredor do tema da cidadanía, de especial relevancia despois dun ano no que as mobilizacións multitudinarias contra a guerra e a catástrofe do Prestige deron outro pulo ao papel da sociedade civil. Dará inicio Georges Labica, un dos nomes máis destacados na actualidade no mundo da filosofía, a un congreso que escolleu este ano o tema da cidadanía, segundo a coordinadora da Aula Castelao, Carme Adán “porque é profundamente filosófico e está de total actualidade. Neste ano no que se conmemora o bicentenario da morte de Kant, un dos piares da filosofía política moderna, e no que as mobilizacións sociais pasaron a primeiro plano parecíanos axeitado tomar como eixo de reflexión un concepto de carga teórica pero que dá entrada a distintos debates que interesan hoxendía como o tema da interculturalidade ou a participación real dos cidadáns na toma de decisións “.

A intervención de Labica seguirá ao acto de apertura no que a coordinadora da Aula Castelao lerá un discurso de inauguración no que se destaca a relevancia do tema e os obxectivos do congreso, diante de distintos representantes das institucións e entidades que apoian á XXI Semana Galega de Filosofía. Confirmaron a participación na apertura do congreso o alcalde de Pontevedra, Miguel Fernández Lores, o subdirector xeral de Caixanova, Antonio Gómez Ribera e o vicerrector da Universidade de Vigo, Antón Fernández. Xa con anterioridade á apertura da matrícula na sede do propio congreso en Pontevedra, arredor de mil persoas se inscribiron no encontro, unha cifra sensíbelmente superior a de anos anteriores. Desde a súa orixe hai xa máis de dúas décadas, a Aula Castelao foi vendo como progresivamente o seu congreso de consolidaba como un referente no debate e o pensamento tanto en Galiza como fora das nosas fronteiras e o seu convite conseguiu que pasaran por Pontevedras arredor de trescentos dos máis destacados intelectuais da actualidade de todo o mundo.

Preparou a Aula Castelao de Filosofía un programa para cinco días nos que tratar os temas principais arredor da cidadanía como son a participación dos cidadáns na toma de decisións, o dereito á diferencia ou a relación entre a globalización e a exclusión. Como cada ano quixo tamén que ese marco teórico tivese o seu referente en Galiza e contou para este obxectivo, entre outros, con varios representantes de movimentos sociais e distintas entidades que operan desde o noso país como son membros da Coordinadora de ONG´s de Galiza, de Burla Negra, das Redes Escarlata ou da Marcha Mundial das Mulleres.

Despois da intervención de Georges Labica,  primeira xornada da XXI Semana Galega de Filosofía completará o programa co inicio dos ciclos “Alternativas desde Galiza” que terá lugar polas tardes e “Movementos sociais e cidadanía” que ocupará as sesións de noite.  A primeira das sesións encamiñada a pensar o tema desde Galiza estará protagonizada polos representantes da Coordenadora de ONG´s galegas, María Reimóndez e Emilio Martínez que repasarán o estado da cooperación internacional desde o noso país presentando ademais propostas concretas de actuación. A primeira sesión de noite, que comezará ás 20.00 horas, traerá a Pontevedra ao escritor Joaquín Albaicín que incluirá no congreso a conferencia “Pobo xitano. Do prexuizo latente ao segundo xenocidio”.

Evo Morales viaxa a Pontevedra

Un dos principais puntos de atención da Semana Galega de Filosofía será a visita do líder latinoamericano Evo Morales, unha das figuras máis destacadas da loita contra o neoliberalismo e a globalización. Cabeza do movemento dos cocaleiros e da revolta indixenista do seu país, Evo Morales é deputado do MAS (Movemento al Socialismo) forza coa que se presentou á presidencia do país obtendo un sorprendente 23% dos votos que o convertiron na segunda forza política de Bolivia. Procedente dunha familia indíxena disputou o maior cargo político do seu país a Sánchez de Lozada, empresario multimillonario, que foi meses despois botado do país pola presión popular. A presión americana e a explícita ameaza do goberno de Georges Bush de vetar calquera axuda a Bolivia intentou frustrar a chegada de Evo Morales á presidencia de goberno pero, pola contra, o proceso convertiu ao político boliviano nun dos máis destacados líderes populares da Latinoamérica actual. Defende Evo Morales a construcción dun movemento político alternativo ás políticas neoliberais, contando para iso coa conciencia do pobo e ás organizacións sociais do país.

 

Luns 12 de abril

A XXI Semana Galega de Filosofía aproba unha declaración contra a guerra

Georges Labica animou a defenderse da concepción neoliberal da democracia

Con Evo Morales chega a Pontevedra un dos principais líderes de Latinoamérica

A conferencia de Georges Labica sobre a cidadanía e a democracia, unha mesa redonda con representantes das ONG´s galegas e unha conferencia do escritor Joaquín Albaicín sobre o pobo xitano puxeron en marcha a XXI Semana Galega de Filosofía que ten lugar en Pontevedra do 12 ao 16 de abril, organizada pola Aula Castelao de Filosofía. Na primeira sesión aprobouse por aclamación unha declaración contra a guerra e pola retirada das tropas de ocupación de Iraque e de Palestina. O líder latinoamericano Evo Morales participará na segunda xornada defendendo unha alternativa política ao neoliberalismo.

    A coordenadora da Aula Castelao, Carme Adán destacou no acto de apertura que a cidadanía, "nos sitúa no centro da reflexión e práctica política na actualidade. Os acontecementos que levamos vivido na entrada do século XXI móstrannos que o fin da historia non pasaba de ser un delirio dos teóricos do neoliberalismo. No mesmo sentido que os que vaticinaban o fin da cidadanía participativa e das movilizacións sociais tiveron que ver aos cidadáns e cidadás unindo as súas voces fronte aos desmáns dos seus goberos. Tal vez sexa o momento de falar dunha reactivación da sociedade civil, dunha toma de posición do chamado "mundo da cultura", dun esgotamento dos "pos", posmodernidade, poscolonialismo, poshumanismo". Xusto antes do comezo de cinco días de debates arredor do tema en un acto no que tamen estiveron presentes o alcalde de Pontevedra, Miguel Fernández Lores, o subdirector xeral de Caixanova, António Gómez Ribera e o vicerrector da Universidade, Antón Fernández, Carme Adán afirmou que o termo cidadanía "emprégase nos contextos máis variados e desde as instancias de poder máis diversas , posibelmente para limitar a carga de semiótica subv ersiva que posee, as movilizacións contra a xestión da crise do Prestige, as protestas pola invasión de Iraq, as reaccións contra o atentado e a masacre do 11-M ou a Marcha Mundial das Mulleres que terá unha nova cita en maio en Vigo preséntannos unha cidadanía activa e comprometida".

    Tamén partiu da preocupación pola perda de sentido do termo cidadanía o filósofo Georges Labica, o primeiro dos conferenciantes do programa. Profesor emérito da Universidade de París-X Nanterre e director honorario do centro de Filosofía Política, Económica e Social, Georges Labica é autor, entre outras, de libros como Marxisme-leninisme, Eléments por une critique;Karl Marx, Les Thèses de Fuerbach, Le paradigme du Grand-Hornu, Essai sur l´ideologie, Lénine, L´imperialisme stade suprême du capitalime ou a recente Democratie et révolution, ademais de dirixir obras como De marx au marxisme; Idéologie, symbolique, ontologie; Politique et religion ou Les nouveaux espaces politiques. Preside ou forma parte tamén o filósofó de comités de dirección de entidades internacionais como "Comité de Vixilancia para unha Paz Real no Próximo Oriente", "Foro das alternativas" ou "Asociation Nord-Sud". Para Labica estase a dar un "uso abusivo da palabra cidadán, excesivo, utilízase en todas as situacións" e chega a esconder totalmente as palábras clásicas ocmo clase social. "Todo o mundo é cidadán, a empresa é cidadán e iso é imposíbel porque a democracia para nas portas da empresa", dixo. Despois de preguntarse pola democracia subxacente ao uso da palabra, expresou Labica os problamas da democracia actual, unha cuestión ideolóxica dos países de occidente pero que influiu tamén nos do este, "que tiveron da democraciia occidental unha visión de inacabada, fráxil e agora ameazada pola concepción neoliberal da política". Georges Labica defendeu que diante dos ataques que estamos a sofrir contra os dereitos conquistados polas loitas dos traballadores, "temos que exercer unha forte defensa para protexer as loitas sociais, as conquistas que logramos e fronte ao neoliberalismo debemos situarnos na posición de resistir. Temos razóns de resistir e opoñerse ao que pasa na concepción neoliberalista da democracia", dixo.

Declaración contra a guerra

    Na sesión de mañá do luns día 12 de abril, acordouse na asemblea da XXI Semana Galega de Filosofía aprobar unha declaración na que se condena os masacres en Iraque e se demanda a retirada das tropas de ocupación. A declaración, aprobada, por aclamación, contempla "1. rexeitar todo tipo de guerra, 2. repudiar expresamente os masacres contemporaneos do pobo iraquí e da nación palestina baixo as botas dos gobernos dos EE.UU de América e dos seus aliados e, 3. Demandar de todos os homes emulleres de boa vontade que esixan o cesamento dos masacres e a retirada incondicional e inmediata de Iraque e de Palestina das tropas de ocupación porque "ningún Estado debe inmiscuírse pola forza na constitución e no goberno doutro", tal como deixou claro Inmanuel Kant en Cara a paz perpetua hai máis de douscentos anos". Apróbase a Declaración de Pontevedra na XXI Semana Galega de Filosofía "en sintonía con milleiros de organizacións internacionais intelectuais, pacifistas e solidarias e con numerosas personalidades mundiais desde o Papa Xoán Paulo II ó comandante Fidel Castro" e diante "das informacións contrastadas e directas sobre os masacres que nestes días está a sofrir a poboación civil en numerosas cidades iraquíes despois dun ano da ilegal guerra e de doce de horrible bloqueo".

    Maria Reimóndez e Emilio Martínez, da Coordenadora de ONG´s galeas puxeron o inicio ao ciclo das tardes "Alternativas desde Galiza" no que se tratou nesta primeira sesión o tema da cooperación e o desenvolvemento. Fixeron os dous unha análise de distintas alternativas para cambiar o mundo dun xeito positivo, tanto no norte como no sur e, entre elas, presentaron con especial atención a participación política a través das organizacións non gubernamentais. "Na nosa sociedade occidental as ONGs ofrecen unha canle de participación para a icdadanía á hora de enfrontarse ao problema mundial da pobreza, que afecta en forma de fame a máis de 800 millóns de seres humanos e en moitas outras formas de inxustiza a moitos máis millóns" explicaron. María Reimóndez tomou a organización Implicadas/os no desenvolvemento (IND), da que está ao frente como exemplo de participación no cambio mundial desde Galiza, tomando como punto de partida o enfoque de xénero, a xustiza fronte á caridade, apresión política e a autoxestión das comunidades. IND desenvolve actividades en Galiza de sensibilización, recadación de fondos e colaboración con outras ONGs na presión política e na India e Etiopía. Despois de presentar varios proxectos que desenvolve a organización, María Reimóndez os desafíos cos que se atopa que son "sobre todo a falta de implicación social e con ela a falta de recursos anto humanos como materiais".

    Pechou a primeira xornada do congreso a intervención do escritor Joaquín Albaicín que participou no encontro coa conferencia "Pobo xitano. Do prexuizo latente ao segundo xenocidio". Entre os ensaios de Albaicín cabe destacar títulos como Diario de un paulista, En pos del Sol: los gitanos en la historia, el mito y la leyenda, ou El príncipe que ha de venir ademais de ser autor da novela La serpiente terrenal ou o libro de contos La Estrella de Plata. Na actualidade Albaicín está metido na producción de tres novos libors, un ensaio sobre a lenda medieval do Reino do Preste Xa, outro sobre o misterio da Gran Duquesa Anastasie e un terceiro sobre a figura do baron Ungern-Sternberg ademais de ter un libro de relatos inédito. Joaquín Albaicín mostrouse contrario ás teses do multiculturalismo, "un discurso dos incultos" segundo el que "carece de valores para interpretar a realidade e recoñecer o seu lugar no mundo". "Non podo tragar que quen odia ou, como pouco, menosprecia, todo aquilo que eu amo, vaia salvar a miña cultura. O que quere é pechala nun museo, nunha galería de culturas mortas, onde el será o director cun bo salario" dixo, referíndose á situación dos xitanos. Afirmou asimesmo que "quizais os máis castigados de canto non se resignan ao olvido por unha Europa onde o humanitarismo se mestura demasiado a miudo co negocio persoal sexan os peretncentes a un pboo sen estado e, pois, carente de padriños na alta política: a minoría xitana".

    A segunda xornada da XXI Semana Galega de Filosofía contará coa participacíon da filósofa Amelia Valcárcel na sesión de mañán, presentando a conferencia "Cidadanía global e dereito á diferencia". En "Alternativas desde Galiza", ciclo da tarde, presentarase unha mesa co título "Participación cidadá e cultura" na que intervirán o escritor e director teatral Carlos Santiago, en representación de Burla Negra, Lupe Ces pola Marcha Mundial das Mulleres e Iván Prado presentando as Redes Escarlata.

    Na sesión de noite estará presente Evo Morales, unha das figuras máis detacadas da loita contra o neoliberalismo e a globalización en América Latina. Morales é o líder do MAS (Movimento ao Socialismo, forza coa que concurriu á presidencia de Bolivia conseguindo un sorprendente 23% dos votos co que se convertiu na segunda forza política do país. Morales posicionase pola construcción dun movemento político alternativo ao neoliberalismo, propiciado pola conciencia do pobo e as organizacións sociais do país.

 

Martes 13 de abril

O líder latinoamericano participou na XXI Semana Galega de Filosofía

Evo Morales afirma que unha alternativa de esquerdas é posíbel

A presencia de Evo Morales na XXI Semana Galega de Filosofía de Pontevedra conseguiu acaparar unha grande atención debido á relevancia que acadou o líder latinoamericano, convertido case en símbolo das loitas populares e indíxenas de todo o continente. Defendeu Morales a construcción dun movemento político alternativo ás políticas neoliberais, contando para iso coa conciencia do pobo e as organizacións sociais do país. A filósofa Amelia Valcárcel abriu o segundo día do congreso no que tamén se celebrou unha mesa redonda sobre "Participación cidadá e cultura" na que participaron Carlos Santiago, Lupe Ces e Iván Prado, representantes de Burla Negra, Marcha Mundial das Mulleres e Redes Escarlata.

"Que diferencia é capaz de vivir, de sobrelevar, a democracia?" este foi o interrogante que vertebrou na mañán do martes a conferencia da filósofa Amelia Valcárcel. Catedrática de Filosofía na Uversidade de Oviedo e referencia fundamental dos estudios sobre xénero, política e sociedae, Amelia Valcárcel é autora dun grande número de libros, entre os que se atopan, Del miedo a la igualdad, La política de las mujeres, Ética contra estética ou Etica para a globalización: humanismo contra fanatismo. A filósofa defendeu que "ante a perspectiva dunha comunidade multicultural hai que prever dous principios: ningunha merma de dereitos para aqueles que sexan aceptados, isto é, aplicación do principio de igualdade; e tolerancia cara os seus rasgos diferenciais, que se traducen na aplicación moderna e afirnada da idea de liberdade". Referiuse Valcárcel a distintos exemplos e sinalou que "en Europa a diferencia tivo un papel singular porque é unha especie de elegancia estética a que está en xogo, pero a nivel planetario é moito máis duro. Queremos que exista a democracia e son moitas as cousas que poden ser integradas e dignas de respecto. Non podemos renunciar á democracia para aceptar a diferencia" dixo nun discurso no que defendeu un punto de vista feminista e no que destacou que, son precisamente as mulleres as que teñen unha maior experiencia acumulada ao respecto.

Na sesión de tarde, dedicadas a analizar o tema desde Galiza, tres representantes de distintas entidades participaron na mesa redonda "Participación cidadá e cultura". O escritor e director teatral Carlos Santiago por Burla Negra, a feminista Lupe Ces pola Marcha Mundial das Mulleres e o actor Iván Prado polas Redes Escarlata compuxeron a mesa na que se presentaron as distintas propostas. Carlos Santiago relatou a experiencia de Burla Negra, o colectivo do mundo da cultura que se organizou despois da catástrofe do Prestige. Burla Negra protagonizou os meses despois ao afundimento un verdadeiro fenómeno de "reactivación" do mundo cultural e co seu selo naceron as propostas colectivas que implicaron a máis persoas despois de fin da dictadura, os concertos con máis músicos, os libros con máis autores, as exposicións con máis artistas... "Poderíase incluso percibir certo esgotamento do modelo cultural posmoderno, e como a sociedade, acantoada durante as dúas últimas décadas polo pensamento débil e o imperativo narcisista, parece reclamar a través da cultura unha nova loita ideolóxica e un novo modelo de transformación, unha vía cara á redefinición da comunidade no contexto da globalización e a crecente homoxeneidade cultural planetaria". A través de Burla Negra, Carlos Santiago reflexionou sobre todo o proceso que se produciu e sobre a posibilidade "dun novo compromiso dende a cultura coa transformación da realidade". Lupe Ces comentou os obxectivos da Marca Mundial das Mulleres que se reunirá en maio en Vigo na que con seguridade será a cita feminista máis relevante da nosa historia xa que chegarán á cidade galega mulleres de todo o mundo. Iván Prado expuso os principios básicos da Asociación Socio-Cultural Redes Escarlata que definiu como un "colectivo soberanista de intervención social e política".

Evo Morales: A alternativa latinoamericana nacida das follas de coca

Refundar Bolivia. Nese axioma enmarcase a alternativa que representa Evo Morales ao fronte do Movimiento al Socialismo(MAS), segunda forza política de Bolivia desde o ano 2002. As demandas que Morales formula ao governo boliviano en contra da erradicación das plantacións de folla de coca e a súa loita pola nacionalización do gas converten a Evo Morales no líder máis interesante do momento en Latinoamerica e a Bolivia no taboleiro no que se está xogar o futuro das relacións internacionais nesta rexión do mundo.

Con 46 anos, este indixena aimara liderou a revolta do pasado mes de outubro do 2003 coñecida como "a guerra do gas" forzando a saida do poder do presidente Gonzalo Sánchez de Lozada. Desde aquela, o MAS ofreceu o seu apoio e colaboración ao novo mandatario Carlos Mesa, cunha relación que non deixa de ser un tira e afrouxa entre as reclamacións de Morales dos recursos nacionais, económicos e naturais e os condicionamentos aos que está sometido Mesa por parte dos Estados Unidos.

A pretensión estadounidense de erradicar as plantacións de coca en Bolivia supoñen para este lider campesino o afianzamento do poder norteamericano na zona e nomeadamente a imposición do tratado de libre comercio en Latinoamérica (ALCA). Asimesmo erradicando os cultivos de coca no Chapare e nos Yungas bolivianos, tamén se desartellaría o movemento gremial máis importante do país despois dos mineiros.

Precisamente é nas plantacións de coca onde se forxou o liderazgo político de Evo Morales, como presidente da Federación de Productores de Coca do Chapare. A sua irrupción no Parlamento ao frente do MAS no ano 2002 con máis do 20 % dos votos e con opcións presidenciais significou unha entrada máis que contundente da povoación rural no Congreso do País. Pero o MAS non só é unha forza que se nutre dos campesinos; boa parte dos xóvenes bolivianos ven en Evo Morales o recambio para rematar co imperialismo non só no seu país senón en toda Latinoamérica.

Hoxendia o MAS aglutina a colectivos diferentes: campesinos, sindicalistas, indíxenas do Oriente, membros do Movimento sen Terra, xubilados e, tamén, a unha parte da clase media que está descontenta. Artellar esta plataforma resultado dunha abraiante suma de adesións é o grande reto no que Evo Morales leva volcado os últimos anos. E a súa grande preocupación, maior que ocupar a cadeira presidencial.

Do Chaparé á ONU

Defínese a sí mesmo como un home sen formación académica formado nas loitas campesinas e sindicais. Desde Europa, voces como a de Ignacio Ramonet proclámano como alternativa de esquerdas en Latinoamérica. O pasado mes de novembro, no trascurso do XIII Cumio Latinoamericano, recibiu o recoñecemento como lider político dos presidentes de Brasil, Lula da Silva, do venezolano Hugo Chavez e do arxentino Nestor Kirchner, cos que se entrevistou, o mesmo que co secretario xeral das Nacións Unidas, Kofi Annan.

Estaba asustado e amosábase cauto. El mesmo recoñeceuno dese xeito tras os impresionantes resultados eleitorais do ano 2002. A súa intención era formar unha plataforma opositora pero non soñara acadar esa forza política tan axiña. No ano 1995 o MAS tiña alcaldes somentes na zona de Cochabamba e dous anos máis tarde conseguía catro deputados no Congreso. As mellores previsións de Morales no ano 2002 referianse a 15 deputados. A realidade é que chegaron a 25, convertendose nunha forza necesaria para a governabilidade do país.

Hoxendia Evo Morales non só afirma que o movimento popular está preparado para ser governo, senón que é necesario e urxente rematar coa mafia política. "Fracasou o capitalismo de estado, agora tocalles aos povos criar as suas empresas autoxestionarias, empresas colectivas. O estado ten que afortalalas e loitar pola determinación dos povos. Ese é o eixo central do noso programa", di o líder indixenista.

Punta de lanza da esquerda latinoamericana

Despois da "guerra do gas" do pasado outubro, Morales e o MAS optaron por dar unha marxe de confianza ao novo presidente Carlos Mesa ofrecendo a sua colaboración en todo o que beneficiara a poboación boliviana. Hoxe as criticas de Evo Morales cara o governo de Mesa son claras e duras: achegamento aos partidos tradicionais e continuismo liberal auspiciado pola embaixada dos Estados Unidos, a mesma que ten lanzado unha campaña de propaganda anti-Evo acusandoo de encarnar unha esquerda "apocalíptica".

Para Morales só e factible a cooperación co governo se se aposta polo cambio do modelo neoliberal e pola recuperacións dos hidrocarburos en mans das transnacionais. A chave está en medidas estruturais e non coxunturais, reitera o lider do MAS. Pero considera que Mesa non actua como un reformista do neoliberalismo senón como un continuista liberal. Algúns sucesos, como o asasinato en febreiro da fiscal Mónica Von Borries, son a proba para Morales do intento estadounidense de desestabilizar Bolivia, ao igual que se fixo en Colombia, para preparar un golpe de estado. A fiscal anticorrupción estaba traballando nun proceso contra un grupo de empresarios relacionados co poder político e acusados de posuir ilegalmente grandes extensións de terras fiscais.

Se a todas estas circunstancias se lles une o problema sen resolver da coca, enténdese que en Bolivia se este xogando unha partida fundamental para o futuro de Latinoamérica. Evo Morales non retrocrede na defensa do cultivo de folla de coca e propón alternativas de mercados legais para esta planta. "Defendemos a folla de coca, queremos comercializala, exportala e industrializala. Imos impulsar o uso industrial da folla de coca, non da droga. A droga non é para a nosa cultura", explica. Son todas estas alternativas as que deixan fora de xogo aos EEUU e o seu proxecto de area de libre comercio continental.

E desde esa perspectiva enténdese, por un lado, a campaña da prensa e da embaixada estadounidense no país presionando a Carlos Mesa para que respalde a erradicación dos cultivos e, por outra, que os proxectos e propostas da esquerda Latinoamericana do século XXI dependan en boa parte do éxito da loita de Evo Morales e do MAS en Bolivia.

Programa para o mércores 14

A XXI Semana Galega de Filosofía chega ao seu ecuador coa conferencia do filósofo Juan Ramón Capella na sesión de mañán coa intervención "Cidadanía e poderes". No ciclo "Alternativa desde Galiza" que se celebra polas tardes está convidado o filósofo Francisco Sampedro mentres o sociólogo Fernando Álvarez Uría será o que peche a terceira xornada do congreso.

 

Mércores 14 de abril

O economista Pedro Arrojo presenta a "nova cultura da auga"

A XXI Semana Galega de Filosofía acolle a defensa dos dereitos sociais frente ao neoliberalismo

Beiras, Fernán Vello e Adán presentan o libro "Filosofía e compromiso" da Aula Castelao

Varios conferenciantes coincidiron na terceira xornada da XXI Semana Galega de Filosofía á hora de presentar nas súas intervencións a necesidade de defender os dereitos sociais frente á destrucción de logros conseguidos a base de loitas históricas por parte do neoliberalismo. Os filósofos Juan Ramón Capella e Francisco Sampedro e o sociólogo Fernandez Álvarez Uría participaron no congreso da Aula Castelao que o xoves acollerá as intervencións do filósofo José Lorite Mena, dos profesores e membros do colectivo Legais Beatriz Suárez Briones e Xosé M. Buxán Bran e o Economista Pedro Arrojo. Ás 13 horas do día 15 Xosé Manuel Beiras, Miguel Anxo Fernán Vello e Carme Adán presentarán o libro "Filosofía e compromiso" da Aula Castelao de Filosofía.

Comezou a terceira xornada da XXI Semana Galega de Filosofía o profesor Juan Ramón Capella, catedrático de Filosofía do Dereito da Universidade de Barcelona e autor, entre outros, de títulos como El derecho como lenguaje, Sobre la extinción del derecho y la supresión de los juristas, Los ciudadanos siervos ou Grandes esperanzas. Ensayos de análisis político. Na súa conferencia "Cidadanía e poderes" Juan Ramón Capella realizou unha análise crítica da noción contemporánea de ciddadanía, a repugnancia contemporánea cara a política como síntoma da enaxenación do poder respecto da cidadanía e a análises dos conceptos e política e dos diversos tipos de poder na sociedade actual.

Respecto da cidadanía, sostivo Juan Ramón Capella que se trata dun concepto "debilitado desde a súa propia orixe, ao terse construido na modernidade en base á idea de "dereitos", dos dereitos individuais e políticos". En canto á "repugnancia da política" buscou Capella a súa "causación na funcionalidade superior dun modelo neoplatónico de goberno, sobre o modelo tradicional da democracia representativa a efectos de describir os poderes reais". E analizou estes "tratando de descubrir os fenómenos materiais nos que se basan as distintas relacións de poder".

Co título "A cidadanía excluida" presentou o filósofo Francisco Sampedro as súas teses sobre o tema. Autor de libros como A aristocracia imposible, Ideoloxía e distorsión ou O discurso político de Nietzsche, o profesor Sampedro comezou afirmando que o concepto cidadán "como aparece na Revolución Francesa, aínda que se contemploe xuridicamente é excesivo, desborda o que a lei pode consentir. Produce unha fractura social enorme". Na súa intervención no ciclo "Alternativas desde Galiza", revisou a exclusión do concepto da cidadanía no capitalismo avanzado. "A democracia defínese como a ausencia de control da politica sobre a economía e iso fai que se creen substitutos perversos como son os etnicismo ou o multiculturalismo". Referiuse tamén a "certos movimentos gais ou feministas" cos que, segundo sinalou "o capital vende o diferencialismo" cando non tocan ao seu baseamento fundamental. "Compre redifinir o concepto de proletariado no sentido de que xa non hai lazos causais coa clase obreira" dixo Sampedro para quen o tema está en "como construir un novo suxeito político que sexa quen de acadar a cidadanía real".

A sesión do mércores rematou coa intervención do sociólogo Fernando Álvarez Uría, profesar profesor titular do Departamento de Socioloxía da Facultade de Psicoloxía da Universidade Complutense de Madrid. No relatorio "Movementos osciais e democracia nas institucións" Álvarez Uría partiu da situación actual e intentou analisar ocmo xurde o neoliberalismo dos anos oitenta, caracterizado polo predominio do mercado sobre o estado. "O neoliberalismo xenerou un proceso de privatización e crise do estado social" que se evidencia en cuestións como amenaxa do sistema da Seguridade Social, das pensións ou do ensino público. Esta crise do estado social que xurdiu como "espacio de pacificación fronte aos conflictos sociais do século XIX" supón a "crise da propiedade social, que é a única que telñen os pobres". Diante desta situación, Álvarez Uría sinaloou que "a resposta a este auxe do neoliberalismo son os movimentos antiglobalización, movilizacións que defenden que outro mundo é posíbel e que protestan contra o imperio do mercado". Ao dicir do conferenciante, "é difícil articular o cambio a través deste tipo de manifestacións" polo que defendeu que hai tamén que "facer transformación e participar nas institucións" para o que puxo como exemplo as loitas contra antipsiquiátricas que se desenvolveron en Italia nos anos sesenta que comprometeu a profesionais e usuarios.

A proposta de Álvarez Uría é así "combinar a democracia participativa coa democracia directa nas institucións, facer sociedade fronte ao neoliberalismo, crear redes e no ámbito do estado defender logros como a vivenda social ou o ensino e a sanidade pública". Entre as obras do filósofo están Miserables y locos. Medicina mental y orden social en la España del siglo XIX e, en colaboración con J. Varela, Sujetos frágiles. Ensayos de la sociología de la desviación, Arqueología de la escuela, La crisis de los paradigmas sociológicos ou La galaxia sociológica. Colegios invisibles y relaciones de poder en el proceso de institucionalización de sociología en España.

Democracia, sexualidade e auga

O filósofo José Lorite Mena abrirá a cuarta xornada do congreso o día 18 coa conferencia "Cidadanía e democracia: o reto da liberdade". Na sesión de tarde Beatriz Suárez Briones e Xosé M. Buxán Bran, profesores da Universidade de Vigo e membros da directiva do colectivo Legais presentarán o tema "Sexualidade e dereitos". Pechará o programa do xoves o profesor Pedro Arrojo, Premio Goldman de Medioambiente da categoría de Europa polo seu liderato nas campañas en contra do Plan Hidrolóxico Nacional e pola súa defensa dunha nova cultura da auga baseada na xestión eficiente, o aforro, a reutilización e a conservación da boa saúde dos ríos e ecosistemas hídricos. Na actualidade é tamén presidente da Fundación para una nueva cultural del agua.

Filosofía e compromiso

No transcurso da cuarta xornada da XXI Semana Galega de Filosofía, ás 13 horas e no Auditorio de Caixanova, sede das conferencias, terá lugar a presentación do libro "Filosofía e compromiso" que recolle boa parte das intervencións da edición anterior do congreso no que se cumprían dúas décadas de existencia. O acto contará coa presencia de Miguel Anxo Fernán Vello, director de Espiral Maior, selo editorial que publica o libro, co profesor, político e ensaísta Xosé Manuel Beiras que é un dos autores e coa coordinadora da Aula Castelao de Filosofía, Carme Adán. Ademais de Xosé Manuel Beiras, outros dos autores do libro son Eduardo Galeano, Adolfo Sánchez Vázquez, Xosé Luís Méndez Ferrín, Manuel Rivas ou Alfonso Sastre.

 

Xoves 15 de abril

O xornalista Ramón Chao clausurará a XXI Semana Galega de Filosofía

Pedro Arrojo defende unha nova cultura da auga

O libro "Filosofía e compromiso" da Aula Castelao con catorce intelectuais como autores

A conferencia do escritor e xornalista Ramón Chao clausura o venres a XXI Semana Galega de Filosofía na que, durante cinco días, se debatiu o tema da cidadanía. O escritor Suso de Toro e o politólogo Nicolás Sartorius completaron as conferencias da última xornada. O xoves Pedro Arrojo defendeu unha nova cultura da auga no programa dun día no que tamén participaron o filósofo José Lorite Mena e Betriz Suárez Briones e Xosé Buxán Bran co tema "Sexualidade e dereitos". A Aula Castelao presentou o libro "Filosofía e compromiso" (Espiral Maior) nun acto no que interviron a coordinadora, Carme Adán, o editor, Miguel Anxo Fernán Vello e Xosé Manuel Beiras, un dos autores.

Comezou a cuarta xornada da XXI Semana Galega de Filosofía a intervención do filósofo José Lorite Mena, que presentou a conferencia "Cidadanía e democracia: o reto da liberdade". Catedrático de Antropoloxía Filosófica da Universidade de Murcia e autor entre outros dos libros El animal paradójico: Fundamentos de Antropología filosófica, El orden femenino. Origen de un simulacro cultural, La filosofía del hombre o el ser inacabado ou Sociedades sin estado. El pensamiento de los otros, José Lorite Mena afirmou na súa conferencia que "o sistema democrático é tan desexábel como marco de convivencia social, que ante a súa posibel manipulación, aferrámonos a unha defensa contundente". Para o filósofo, "quizais sexa necesario abrir este ámbito de acción político-legal a unha perspectiva máis radical para tomar un fundamento ás nosas adquisicións históricas". Despois de preguntarse, por que podemos ser demócratas? ou, de xeito complementario, por que é desexábel un ordeamento democrático da convivencia para un sistema vital como o humano? Lorite defendeu que "necesitamos negociar o sentido da nosa existencia porque nalgún momento da nosa evolución, perdimos a unidade interpretativa do mundo. A democracia é a procura compartida de dese sentido. Trátase, pois, dunha decisión vital".

"A relación individuo-poder-sociedade entón é máis ampla e radical que o plantexado nas formas actuais de acción política. Non se trata da decisión dunha forma de poder na sociedade, senón da articulación das relacións dos individuos e do social" engadiu Lorite.

Na sesión de tarde Beatriz Suárez Briones e Xosé Buxán Bran, profesores da Universidade de Vigo e membros da directiva do colectivo Legais, analizaron o tema dos dereitos dos homosexuais. Xosé Buxán fixo un percorrido por imaxes de artistas contemporaneos que plantexan posibilidades de reflexión e acción en torno á identidade e o xénero. Mostrou representacións arttísticas en diferentes soportes e técnicas, de contextos xeográficos dispares, pero que tentan actuar como acción e vindicación dunha sexualidade plural, polimorfa, variábel, mutábel e transgresora dos valores tradicionalmente establecidos. "Estes creadores pretenden incidir coa obra plástica no pensamento e na cultura cotiá para transformala no que atinxe as súas concepcións do que é a sexualidade e o xénero" dixo. Afirmou que "a presenza de cuestións referidas ao queer, á sexualidade, ás identidades gays, lésbicas, trans, etc. é na arte actual máis importante do que a cultura oficial está disposta a admitir". Criticou que, particularmente no caso español, "hai unha fonda prevención cara cuestións de xénero e identidade sexual na arte por pensarse que iso son cuestións alleas ao discurso artístico propiamente dito. E se falamos de Galiza a cuestión tórnase claramente estarrecedores pola ausencia absoluta de dito discurso nas prácticas artísticas dos consagrados".

Rematou a cuarta xornada a intervención do profesor Pedro Arrojo coa conferencia "Auga: dereitos humanos, dereitos sociais e negocios". Profesor de Análise Económica na Universidade de Zaragoza e Premio Goldman de Medioambiente da categoría de Europa polo seu liderato das campañas en contra do Plan Hidrolóxico Nacional e pola súa defensa dunha nova cultura da auga baseada na xestión eficiente, o aforro, a reutilización e a conservación da boa saúde dos ríos e ecosistemas hídricos. A conferencia de Arrojo xirou en torno aos dereitos ambientas, tendo a auga como referencia. Distinguiu así as funcións da auga nas súas funcións de vida, que conecta co ámbito dos dereitos humanos individuais e colectivos; como servizo público e valores de interés xerais, referido aos dereitos sociais ou colectivos e tamén á función da auga-negocio, tamén en relación cos dereitos da sociedade de enriquecerse. A proposta de Arrojo a respecto desta última función é "que sexa tratada cunha rigurosa control". Insistiu así en que "a satisfacción deses intereses non pode poñer en perigo dereitos sociais e humanos, tanto individuais como colectivos, que é o que soe ocorrer". A auga padece así dentro desta función económica, accións ilexítimas e ilícitas como a desecación de ríos ou a contaminación de acuíferos. "Este tipo de actividades teñen que ser ilegalizadas e perseguidas pola lei con vontade política para que así se faga", dixo Arrojo.

"Fronte esta forma de ver a situación está o enfoque da Organización Mundial do Comercio onde a auga ten a ser considerada como ben económico, apropiada privadamente e xestionada en base a leis de mercado, o que simplifica o problema de maneira perversa" explicou o conferenciante. "Cando se utiliza a auga como negocio de interés privado estase utilizando como fonte dese recurso os ecosistemas hídricos que son servizo público. Non se pode confuncir racionalidade económica con mercado" dixo. "É esencial defender que os ecosistemas sexan públicos porque o obxectivo central non é a economía senón a sostenibilidade", defendeu Arrojo.

O libro da Aula Castelao

Na cuarta xornada da XXI Semana Galega de Filosofía presentouse o libro "Filosofía e compromiso", publicado por Espiral Maior e no que se recollen os textos de catorce conferencias da edición anterior do congreso organizado pola Aula Castelao de Filosofía. A coordinadora Carme Adán, o editor, Miguel Anxo Fernán Vello e un dos autores, o político, profesor e ensaísta Xosé Manuel Beiras, foron os encargados de presentar a publicación na que se recollen ademais traballos de Adolfo Sánchez Vázquez, Celia Amorós, Raul Fornet-Betancour, James Petras, xesús Alonso Montero, Domingo Docampo, Mª Xosé Queizán, Xosé Manuel Beiras, X. L. Barreiro Barreiro, Manuel Rivas, Alfonso Sastre, Eduardo Galeano, X. L. Méndez Ferrín e Ramón Regueira, todos participantes na XX Semana Galega de Filosofía. "A Aula Castelao de Filosofía compila este libro coa modestia de quen sabe que catorce textos para ler, pensar, dialogar e debater non abondan para frear unha guerra, rexenerar as costas, paliar os problemas sociais, medioambientais e económicos derivados da neglixencia política, evitar as desigualdades e a violencia de xénero, para a perversión da globalización mercantil e un longo etcétera. Pero si co compromiso dos que traballan a prol do pensamento que non ten fronteiras, da heteroxeneidade dos discursos, da confección de múltiples lentes para ver unha realidade máis rica e complexa" comentou Carme Adán, nunha idea que se recolle no prefacio do libro.

Día de clausura

A XXI Semana Galega de Filosofía chega o venres día 16 ao seu fin coa participación do politólogo Nicolás Sartorius que presentará a conferencia "Cidadanía e medios de comunicación". Pola tarde Suso de Toro presentará o congreso a súa intervención titulada "A cidadanía, a fonte da democracia". O acto de clausura correrá a cargo do escritor e xornalista Ramón Chao, nunha sesión na que tamén se lerán as conclusións da semana "Filosofía e cidadanía".

 

 

Venres 16 de abril. Rematou a XXI Semana

Ramón Chao destaca a grandeza de Empédocles

A Aula Castelao destaca a necesidade de "recuperación" da sociedade civil

Suso de Toro afirma que a "loita moral" sacou á xente ás rúas

Despois de cinco días de conferencias e debates, a XXI Semana Galega de Filosofía chega ao seu fin coa conferencia de clausura do escritor e xornalista Ramón Chao. A Aula Castelao de Filosofía, organizadora do congreso, presentou as conclusións nas que se destaca a esperanza pola "recuperación" da sociedade civil. O encontro "Filosofía e cidadanía" contou tamén na súa última xornada coas conferencias de Suso de Toro e de Nicolás Sartorius.

Foi a conferencia do escritor e xornalista Ramón Chao un encontro coa súa propia biografía, a través de distintos episodios que, segundo dixo, lle permitiron atopar a súa identidade. "A filosofía serviume para xustificar quen son" afirmou, despois de dar conta de distintos momentos da súa vida nos que a confusión levouno mesmo a non saber case quen era. Citou, por exemplo, o feito de que de novo era precisamente filósofo o que el quería ser pero a mediación do seu pai e de Manuel Fraga o encamiñaron ao mundo da música. Por unha serie de confusións que case o perseguiron, Ramón Chao sentiu a necesidade de buscar unha identidade propia e iso conduciuno a atoparse coa figura de Empédocles, personaxe que el presenta como un dos máis grandes da historia do mundo. Sobre Empédocles escribiu un libro que continúa inédito pero que lle serviu para atopar o modelo no que quería verse. "Foi poeta, adiviño, facía miragres e ideou a teoría dos catro elementos e a primeira da evolución duna esfera dominada polas forzas do ben e o mal, ás veces predominaba o ben e ás veces o mal. Empédocles axudoume a reafirmarme" afirma Chao, autor dun libro sobre o filósofo que estructura ao xeito da Biblia, con catro versións como os Evanxeos e feito tamén en versículos. Autor de obras de referencia no xornalismo como Palabras en el tiempo. Conversaciones con Alejo Carpentier ou Onetti, este escritor nacido en Vilalba en 1935 e residente habitual en París onde se trasladou en 1955 acaba de publicar a súa primeira novela titulada O lago de cómo. Da súa autoría son outros libros como Un train de glace et feu, Prisciliano en Compostela ou A paixón de Carolina Otero. En 1991 foi nomeado Cabaleiro das Artes e das Letras de Francia e nese mesmo ano comezou a colaborar en Le Monde Diplomatique, dirixido polo tamén galego Ignacio Ramonet.

Na sesión de clausura, que sae da sede habitual das Semanas de Filosofía para trasladarse ao Teatro Principal de Pontevedra, o profesor Manuel Aian leu as conclusións da semana "Filosofía e cidadanía" no nome da Aula Castelao de Filosofía. "Na aldea global, na que habitamos, urxe mudar as relacións de veciñanza. Urxe aclarar o común e o diferente. Urxe uniformar o común e respectar o diferente. Que cousa sexa o común e que cousa sexa o diferente é algo que o debate filosófico non pode axudar a entrever. Non son as relixións o común. As relixións non poden ser piares da convivencia pacífica; non é o xénero o común. O xénero non pode ser un piar da convivencia. Nin a riqueza, nin os costumes, nin as etnias son o común..." dixo no comezo da súa intervención.

De costas á cidadanía

Nas conclusións afírmase que "o Estado contemporáneo, no que vivimos, seducido polo capital, víralle as costas á cidadanía e muda todo en mercado. Vira o cidadán en consumidor, Vira os dereitos en débedas. Vira as liberdades en submisións. Vira as reivindicacións en réditos. O estado inmoviliza á sociedade. Fecha o horizonte da esperanza. Fomenta a fatiga de vivir e o pesimismo da apocalipse". Sen embargo, mália recoñecer esta situación, no discurso presentado por Manolo Aián destácase tamén que "estamos paralizados por un accidente histórico. Pero xa principiamos os exercicios de recuperación, xa andamos nos movementos e eses movementos devolveranlle o corpo político á cidadanía. Un corpo reconstruido sobre os valores do laicismo, alimentado coas proteínas do diálogo e situado nun lugar chamado consenso".

A idea fora xa presentada na conferencia anterior, a defendida polo escritor Suso de Toro co título "A cidadanía, a fonte da democracia". "Nos últimos anos, meses, ocorreron cousas novas, saiu moita xente á rúa, aquí, en toda España, en Europa. Non hai dúbida de uqe é algo novo. E penso que ten a ver coa queda da Unión Soviética e un novo escenario de civilización. Ten a ver cunha nova preocupación moral, a xente que saiu á rúa non saiu tanto por loita política como por loita moral. O seu descontento non naceu dunha identificación con posturas políticas na oposición como por rexeitamento de actuacións políticas vistas con reprobación moral" comentou o escritor. Na súa opinión, "o PP non perdeu pola súa ideoloxía neofranquista, nin tampouco polo seu modo de gobernar autoritario, tampouco pola súa política de crecemento económico baseado na especulación, na marxinación laboral absoluta da xuventude e pola precariedde moral, perdeu porque foi visto como un goberno que actuou de modo inmoral". Escritor desde hai máis dun cuarto de século, narrador, ensaista e autor dunha morea de libros entre os que se atopan Land Rover, Ambulancia, F.M. Calzados Lola, Círculo, Non volvas ou Trece badaladas, Suso de Toro é tamén o autor do primeiro libro sobre a catástrofe do Prestige e os seus efectos sociais e políticos titulado Nunca Máis. Galicia á intemperie é acaba de publicar un libro que ten precisamente a cidadanía como tema central, Españois todos.

Un concepto novo

Os acontecementos que se precipitaron despois do embarrancamento do petroleiro mostraron que Galiza estaba nunha "situación puramente medieval e colonial" debido á actuación do goberno pero iso "propiciou unha conciencia dunha comunidade que estaba en perigo de perecer" . Para Suso de Toro, "o concepto de cidadanía é enteiramente novo para nós, e refírome ao noso país e refírome a eu propio e a imaxe que a mayoría das persoas que aquí estamos. Pois pertencemos a unha área cultural europea na que non callou a revolución do individuo que se expresou desde o Renacemento a través do jansenismo e a Reforma protestante e que creou a Ilustración e toda a cultura moderna". Ao seu ver, "somos os descendentes dos que ficaron dentro da Contrarreforma, dentro dunha sociedade encerrada na irracionalidade, á que se lle tolleron as posibilidades de transformarse de modo normal".

A xornada comezara coa conferencia "Cidadania e Medios de Comunicación" do avogado, xornalista e político Nicolás Sartorius. Deputado no Congreso español durante tres lexislaturas e portavoz da coalición IU ate 1993, Sartorius adícase na actualidade á súa profesión de avogado ademais de colaborar en distintos medios de comunicación. Entre a súa obra atópanse ensayos como El resurgir del movimiento obrero, El sindicalismo de nuevo tipo, Un nuevo proyecto político, Carta a un escéptico sobre los partidos políticos e La Memoria Insumisa: Sobre la Dictadura de Franco. Nicolás Sartorius é na actualidade vicepresidente da Fundación Alternativas.