Intelectuais de todo o mundo asinan a Declaración de Pontevedra

A “Declaración de Pontevedra” que reclama a independencia de Cuba comezará a circular en distintas páxinas de Internet e sumará apoios ata o próximo día 17 de maio, data na que se cumpre o aniversario do inicio do bloqueo americano producido como represalia pola reforma agraria. No texto da Declaración maniféstase a “inquedanza diante do feito, que semella evidente, de que Cuba está incluída na actual estratexia agresiva do Imperio americano; tamén, ante todo, procuramos explicitar o noso recoñecemento á significación mundial da Revolución Cubana dende a data do seu triunfo en 1959 ata hoxe en día” e expresa a solidariedade cos intelectuais e artistas cubanos residentes na illa. Desexan os promotores da iniciativa que a Declaración elaborada en Pontevedra “sexa asinada por outros colegas desde distintas perspectivas ideolóxicas e políticas, tal como é o noso caso”. O texto elaborouse no marco da XX Semana Galega de Filosofía organizada en Pontevedra dos días 21 a 25 de abril por vontade de varios intelectuais convocados para o congreso pola Aula Castelao de Filosofía. Máis de duascentas persoas asinaron o documento nos días que estivo exposto ao público e agora bota a rodar pola rede en varias páxinas electrónicas de distintas organizacións. Ademáis de James Petras, Alfonso Sastre, Raul Fornet-Betancourt e Xosé Luís Méndez Ferrín, asinaron a Declaración de Pontevedra os profesores Ramón Regueira, X.L. Barreiro Barreiro, Carme Adán e Antón Fernández e máis de douscentos congresistas.

Declaración de Pontevedra (texto integro):

Quen subscribimos esta Declaración facémolo para manifestarmos a nosa inquedanza diante do feito, que semella evidente, de que Cuba está incluida na actual estratexia agresiva do Imperio americano; tamén, ante todo, procuramos explicitar o noso recoñecemento á significación mundial da Revolución Cubana dende a data do seu triunfo en 1959 ata hoxe en día.
A nosa Declaración é, así mesmo, un miúdo aceno de franca solidariedade cos intelectuais e artistas cubanos, residentes na Illa, que veñen de manifestar o seu desacougo de desaprobación “aos intelectuais de España e do resto do mundo” que teñen condenado, facendo caso omiso da situación que actualmente vive Cuba, os recentes acontecementos ocorridos acolá.

Expresamos, ademais, a nosa arela de que a presente Declaración, feita hoxe en Pontevedra, ha de ser asinada por outros colegas dende distintas perspectivas ideolóxicas e políticas, tal como é o noso caso.

Pontevedra a 26 de abril de 2003


Se queres asinar esta declaración só terás que enviar os teus datos:

Nome, apelidos e o número do documento de identidade (dni) ao enderezo electrónico: aula@aulacastelao.com indicando no "Asunto" do correo CUBAADHESIÓN

O prazo para suscribir as adhesións persoais remata o día 17 de maio do 2003, Día das Letras Galegas e Día de la Reforma Agraria en Cuba, pretexto dos U.S.A. para comenzar os corenta e dous anos de bloqueo a Cuba, tantas veces condeado pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas.