XXIII Semana Galega de Filosofía: Filosofía e Violencias
Olga Aguiar
Membro da Aula Castelao de Filosofía
-Dixéronme seguro que era fóra de xogo, dixo Xan.
-No xornal saiu que non, que era unha xogada regulamentaria, apuntou Felipe.
-Non é que eu.... intentou dicir ela.
-Estaba claro que o árbitro estaba comprado, apuntou outro
-E que eu..... volveu intentar ela
-Pero eu falei con Pepe que foi ao campo e todo o mundo protestou porque era un claro fora de xogo, engadiu outro.
-E que digo....seguía intentando ela.
Tres veces intentou dar a súa opinión naquela conversa. Tres. Cinco persoas falando e a súa voz non se oía. Só ela estivera presente no suceso, o tema da conversa, e ninguén a escoitaba. Marisa marchou sen poder dicir que ela non só asistira ao partido senón que era a xuiza de liña. Sabía coma ninguén que, contra o que dicían os seus contertulios, o gol da vitoria non se producira despois dun fóra de xogo.
Ela era a que estaba fóra de xogo naquela conversa. Erguía o timbre de voz pero seguía sen escoitarse. Era unha das tantas conversas frustradas nas que, certo é , as mulleres temos vantaxe, gañamos por goleada.
Permítome hoxe, coa palabra da miña conta, comezar así as conclusións da XXIII Semana Galega de Filosofía porque teño a oportunidade de aproveitar este espazo, o espazo público, que non sempre temos as mulleres; sinto, en certa medida, a obriga de poñer en evidencia todos eses silencios, todas as veces que non puidemos dicir, todas as conversas frustradas das que fomos e somos protagonistas... toda a violencia que se exerce en múltiples formas, ás veces tan evidentes que matan e mutilan, ás veces, tan subtís que son dificilmente perceptíbeis ou visíbeis. Pero aí están, e éstas tamén doen, e someten, e paralizan e evidencian un sistema de dominación, de desigualdade radical que segue pautando responsabilidades, medos e culpas dos que temos que ser conscientes e críticos.
E debémolo facer para desenmascaralo. Porque, o que si nos quedou claro nesta Semana Galega de Filosofía é que entre todos e todas temos que desenmascarar, denunciar a violencia, a comezar pola cotiá, para visibilizala e construír o que aínda temos pendente: acadar o verdadeiro status de cidadanía, superando o fóra de xogo do silenciado, do privado, do íntimo, do inmediato, do cotián. Superando o fora de xogo do xogo da orde estabelecida baixo a batería de actuacións violentas de "baixa intensidade" (A. Costa)
Tivemos oportunidade, durante estes cinco días, de analizar e debater a violencia que se exerce mesmo desde as institucións baixo a máscara da necesidade de preservar o estado de dereito e a conculcación dos mentados como dereitos humanos. Puidemos tamén adentrarnos na violencia do pensamento único da "tolerancia cero" que se instala no poder e desencadea a traxedia, o expolio, da que se transmite nos medios de comunicación, a que segue vixente no sistema carcelario, con carencias sanitarias e de condicións de vida xa insostíbeis; a que se impón nas relacións desiguais de poder, que se exemplificou na que se estabelece entre médicos e pacientes ou tamén a violencia clasista da escola capitalista. A violencia está en toda parte, ocupa espazos e ámbitos diversos, desde o máis íntimo até o público, e pode ser obxecto de estudo de distintas disciplinas. Quedou isto á vista, no programa deste ano. Déronse cita, o dereito, a psiquiatría, a educación, os medios de comunicación, a filosofía, a análise política, representantes sociais ou a neurociencia por medio de destacados especialistas que diseccionaron un tema que nos atinxe a todos e todas.
Definimos a violencia como "a non resolución dun conflicto, tanto individual como colectivo" (Álvarez Pousa), a imposición da forza entre desiguais relacións de poder, que agrede e "xera o medo necesario para facernos máis dóciles, mansos e manexabeis" (Xosé Manuel Vega). Como unha resposta emocional condicionada pola alteración da natureza, debido a factores ambientais (Caruncho). Supón o esgotamento da vía do dereito, da falta de respecto á palabra, da incapacidade de dirimir o conflito dende un nivel abstracto, simbólico, dende a negociación. Supón renunciar ao poder da intelixencia, do convencemento, do razonamento, para gañar -ou perder- a paus, na inmediatez.
O aprendido nestes días permítenos desarmar o xogo incomprensibel da violencia, sabemos que dispoñemos da mellor arma de construción masiva, a línguaxe como denuncia, como o mellor fármaco dispoñibel (Sanfélix), como indignación e dor (Longás), a construción da conciencia crítica no mundo educativo (Costa), a expresión da denuncia da violencia entre iguais(Amaro) e da violencia de xénero (Hernández), a palabra como expresión da liberdade fronte ao medo (Pérez Esquivel), a prensa alternativa e libre fronte á cautiva (Serrano), o recoñecemento da palabra do enfermo (González), e a capacidade de denuncia dunha xuventude afortunadamente en alerta (Taibo).
Nas súas expresións máis evidentes, -a guerra, o asasinato sistemático de mulleres, as malleiras e abusos de menores, as agresións relacionadas cos rasgos de identidade dos individuos ou dos pobos-, a violencia asimila aos seres humanos a escoria, pérdese o que concebimos como dignidade humana e rompe os límites do civilizado.
Menos visíbeis, e ás veces violentamente invisíbeis, son outras formas que podemos descubrir á volta da esquina, nas nosas casas ou nas dos veciños, no colexio dos nenos ou no centro sanitario, na conversa coas amizades, diante do volante ou no lugar de traballo. Violencia son, xa o vimos, as conversas fallidas, tamén o silencio, a submisión, o ninguneo, a falta de respecto, a non autonomía económica, a discriminación, as guerras íntimas e cotiás... exemplos que se ven a diario e que pasan a ser os primeiros eslabóns dunha cadea que, en boa medida, culmina nos gravísimos casos de violencia de xénero que son, eses si, máis visíbeis, os que saen nos xornais e nos informativos televisivos.
Violencia é fame, é a pobreza que deixa a mente tolleita por falta de alimentos e educación, a explotación por uns poucos dos recursos naturais colectivos, a morte dun familiar por falta dun antibiótico ou unha vacina ou a a necesidade de marchar do país para fuxir da morte –atopándose moitas veces con ela nunha patera-, outra volta, aparece a morte, máis visíbel e con posibilidades de ser retransmitida en directo co epígrafe dulcificador de inmigración.
Violencia é a explotación laboral, o traballo a eito, a imposibilidade de protestar, o acoso no traballo, a imposición de horarios que imposibilitan a vida privada, a ausencia de medidas de seguridade porque é custo en tempo e cartos, ou a morte dun obreiro sepultado por non ter feito un muro de contención, noticia esta que ben iría á páxina de sucesos do xornal local.
Violencia é a talla 36 nunha muller adulta, avergoñarse do propio corpo e ter a necesidade de ocultalo, a esixencia de xuventude permanente, a imposición dun canon de beleza universal, que nos marca o mercado a cambio de facer que nos odiemos, a explotación de corpos preparados para ser usados, o tráfico de mulleres por mafias que reciben dividendos por comercializar coa súa dignidade. A redada e captura dos proxenetas daría para unha novela negra ou unha ampla reportaxe nunha revista sensacionalista.
Violencia é facernos crer que a liberdade se gaña nun vehículo a 180 quilómetros por hora, a soedade da vellez, querer residir na primeira liña de costa, converter as vidas e as mortes en espectáculo de reality-show, como ben demostra calquera programación televisiva de hoxe en día.
Violencia é ningunear a língua propia, a incapacidade para administrar os recursos naturais, invadir de planta foránea os nosos bosques, exterminar os nosos ríos e rías, o desprezo e a destrución dun patrimonio histórico que é unha herdanza de todos e todas, os atentados contra a paisaxe que esperan a ser traxedias coa negrura espesa nas nosas costas para acaparar a apertura de informativos.
Violencia, institucional e social, foi o silencio de setenta anos que ocultou a represión exercida no País. Que os familiares tiveran que agochar aos seus mortos, que os exiliados desapareceran, que os ideais e as ilusións foran borrados baixo o imperio do odio e o fusil. . Nese silencio e na equiparación das vítimas cos verdugos para contar unha das historias da Historia, residía tamén a violencia, vencela significa reivindicar a visibilización da verdade histórica e a memoria. Camiñar cara ao recoñecemento do carácter absolutamente irreversibel da acción do mal é aceptar que non hai perdón nin pena xusta(Longás), pero que o futuro só pode ser contando coa verdade, sen mentiras. A Aula Castelao de Filosofía vén contribuíndo de xeito decidido a restaurar, recuperar, a nosa memoria neste ano de homenaxe aos resistentes antifranquistas que tiveron que loitar por defender a legalidade.
A resposta do público nas xornadas desenvolvidas en Xaneiro para recuperar a "Memoria da represión franquista en Pontevedra" corroboran que o tempo do recoñecemento está chegado.
Pero desvelar as causas da violencia oculta pasa por buscar as causas do ocultamento, os muros da intolerancia que impiden acadar a "terra sen males" do indio guaraní, a terra da liberdade. Nós para iso temos a línguaxe, a teoría, a filosofía, o instrumento de crítica e transformación que ano tras ano vimos reivindicando. E que ano tras ano vindes apoiando coa vosa presenza e participación. Estas son realmente as causas de que a ACF non esmorecera no clima de asfixia política e económica e de silenciamentos mediáticos, cando non atribucións calumniosas do anterior partido no poder. Pero é tamén o que nos permite agora falar a linguaxe da dignidade coas novas autoridades educativas. Liberar o pensamento, desarmalo da inxenuidade e amansamento ten que ser o soperte imprescindibel de toda democracia firme e adulta, acaroado á rebeldía e á independencia, na resistencia, con compromiso. Sen vitimismo nen neutralidade porque como dí Celso Emilio Ferreiro
Se dixese que si,
Que todo está moi ben,
Que o mundo está moi bo,
Que cada quen é cada quén,
Conformidá
Admiración...
As cousas son así
Porque si
Se dixera que si,
Entón sería o intre de falar,
Pero non (CEF)
esta foi tamén a lección que nos deixou Adolfo Pérez Esquivel, "non son os pobos os que deben render honores ao goberno, é á inversa son os gobernantes os que deben gañar o respecto da cidadanía"
Na Historia do pensamento político utilízase a metáfora recorrente da existencia dun hipotético pasado no que todos os conflitos dirimíanse de maneira violenta, corpo a corpo. Foi unha comunidade de homes a que tramitou pola vía do dereito a superación desta inmediatez, dos golpes, da morte, da degradación, mediante acordos, leis e pactos. O dereito pasa a ser o poder da comunidade, ésta sublima a violencia nas leis, impón ser conservada de maneira permanente, debe organizarse, promulgar ordenanzas, e garantir co poder coercitivo a súa lexítima existencia. A violencia nos seres humanos non desaparece, sublímase no dereito, que pasa a ser o poder da comunidade. Nace así o contrato social como xérmolo da construción política moderna, como punto de partida da noción de cidadanía.
A cidadanía, concibida para ser vivida no mundo público, o espazo dos homes que intentaban deixar atrás a súa condición de súbditos, foise construíndo a partir da diferencia sexual dos individuos. Foise construíndo na polarización público e privado, na división entre poder e submisión, entre liberdade e subordinación. O que é contrato liberador para o cidadán, eurocéntrico e capitalista, queda relegado ao status de suxeito propiedade dun outro para as mulleres.
É este contrato social/sexual o que aínda impera no profundo da súa normatividade, o que mantén o esquecemento, o que ignora. Os beneficiados deste xogo estabelecido, as mentes da política e do capitalismo neoliberal dominante, sábeno ben. Os crimes, as aldraxes, seguen afectando as/os políticamente pasivos, aos receptores dos dereitos e deberes que nos atribúen os políticamente activos. Non é gratuíto que as 3 cuartas partes da poboación mundial sexa pobre, e que o 70% sexan mulleres. Non é gratuíto que poidamos falar hoxe de XENEROCIDIO. A violencia contra as mulleres causa máis mortes ás mulleres entre 15 e 44 anos que o cancro, a malaria, os accidentes de tráfico ou a guerra xuntos.
Cando as necesidades, desexos e realidades dos invisíbeis son abordados no escenario público faise dende a patoloxía, dende o raciocinio do poder belixerante, prepotente e unívoco no seu discurso. O certo é que andamos escasos de linguaxes construídas dende a realidade e subxectividade dos invisíbeis; habitualmente aceptamos, recoñecemos e lexitimamos todos e todas a polaridade público/privado, a prepotencia do centro sobre a periferia (do que nos alertou Gil de Vicente), e a expropiación da connotación cidadá do espazo dos afectos, das emocións, da desigualdade, da reprodución e da intimidade. Sen ser apenas conscientes seguimos retrasando a democratización da liberdade e con ela a xustiza social, a xustiza individual e un mundo do inmediato máis rico e creativo. Contentámonos con reivindicar necesidades básicas, o contrato laboral, o permiso de residencia, a cota de participación igualitaria no ámbito político. Aínda así non saímos da vella segregación do concepto moderno de cidadanía. Vivimos na implícita submisión dos fóra de xogo
A liberdade, a igualdade, a cidadanía e os dereitos sexuais quedaron pendentes para as mulleres occidentais na modernidade. E seguen pendentes para a maioría de homes e mulleres. E hoxe, coa palabra da miña conta, síntome lexitimada, sen vitimismo, dende a autoridade dos silencios, tantas veces escoitados no mundo das mulleres que me precederon, a esixir unha nova condición de cidadanía, que trascenda á xustiza formal e integre o recoñecemento e a pertenza daqueles, homes e mulleres, que até o de agora só recibiron como mellor cota de participación, a caridade; a cambio da exclusión do contrato social.
Sabemos tamén que cando tratamos con crueldade transmitimos odio, destrución, creamos mercenarios e opresores. Se nos destrúen, destruímos. Se nos aman, amamos. Se nos recoñecen, somos.
É obrigado neste punto agradecerlle a todas as institucións colaboradoras deste espazo de encontro o seu apoio, a Caixanova entidade financeira que dende o inicio das actividades da Aula Castelao apostou polas nosas inquedanzas, á Universidade de Vigo que nos dá a cobertura académica institucional garante do sentido de actividade de formación do profesorado que ten a Semana, e que non sempre as institucións están dispostas a dar, á Consellería de Cultura e Deporte que como corresponde xa pon os recursos públicos a disposición dunha iniciativa cidadá independente e crítica, ao Concello de Pontevedra, que nos acolle e atende como bó anfitrión e xestor que debe ser das inquedanzas e necesidades dos seus administrados, ao Colexio de Avogados e ao Parador de Pontevedra, que, na medida das súas posibilidades, apoian a nosa iniciativa.
A todos e todas, Institucións colaboradoras, participantes, amigos e amigas, outro mundo debe ser posíbel, outras regras de xogo son necesarias, as do recoñecemento da diversidade entre os seres humanos, as dunha cidadanía real onde a diferencia de sexo, de cultura, de identidade, da obtención de recursos, non supoña dominio, ninguneo ou aniquilamento. É o tempo de dicir, de resistir ante a violencia visíbel e de recoñecer o conflito, o disenso, á procura dun novo xogo onde a participación supoña escoitar, pactar, negociar, entre seres realmente iguais e libres. Escoitemos os sentimentos, as emocións e desexos. Utilicemos a forza da palabra para crear outra realidade. Rompamos o discurso do xogo inxusto.