XXII Semana Galega de Filosofía: Filosofía e Sustentabilidade
Xulio Leal
Membro da Aula Castelao de Filosofía
No acto de feche deste congreso é de lei amosar o noso agradecemento aos presentes (autoridades, relatores, compañeiros organizadores e participantes), e ás institucións que apadriñaron este evento (Concello de Pontevedra, Caixa Nova, Deputación provincial, Colexio de avogados e Universidade de Vigo).
Neste intre en que se trata de poñe-lo remate a este congreso, a XXII Semana Galega de Filosofia, chega o momento de avaliar os resultados finais destas xornadas respecto dos propósitos que con ela e nela queríamos acadar. Tentarei dun xeito esquemático de sinalar cales eran estes e cales foron os resultados conseguidos.
Compre, en primeiro lugar, facer referencia ao marco xeral daqueles obxectivos programáticos iniciais que un grupo de profesionais da ensinanza sintetizaba na anovación temática, metodolóxica e didáctica; na galeguización do ensino no senso de que este fora capaz de incorporar non só a lingua senón tamén contidos, métodos e organizacións que se corresponderan coa especificidade do medio; na percura da consolidación dun proxecto que tenta amosar que facer filosofía é ser capaz de reflectir en ideas non só os problemas chamados perennes, senón tamén os vivos e preeminentes en cada momento.
A nosa longa traxectoria avala como aquelas miras iniciais deviron ano tras ano realidade. A “Aula Castelao de Filosofía” ten relación institucional e estable con 63 Universidades, con 28 centros de investigación internacionais e con perto de 400 profesores e intelectuais de todo o mundo que ao longo destes anos compartiron con nós o seu saber, o seu pensamento e as súas investigacións.
Penso que as xornadas que estamos a piques de rematar mantiveron, senón superaron, os niveis de anos anteriores. Os “curricula” de todos e cadaún dos relatores así como a súa traxectoria profesional, o alto nivel de todo o que aquí se estivo a analizar e analizar críticamente, e a observación da acollida que a asistencia, con frecuencia masiva, do público lles dispensou, confirman canto acabo de dicir. Cremos que fomos capaces de enfrotar con éxito un dos retos máis perentorios da actualidade. O da SUSTENTABILIDADE. Unha problemática cuxa actualidade medra de cotío e da que a sociedade está a se facer cada vez máis conscente o que dalgún xeito explica que a mesma ONU declarara o decenio 2005-2015 o “decenio da sustentabilidade”. Pero o concepto como tal non está exento dunha certa ambigüidade, mesmo dunha perversión: o uso da palabra sen concepto. Cumpría, en consecuencia, facer análises de precisión, diagnósticos da realidade e prospectivas para o futuro.
Era por isto polo que na inauguración, asumiamos a necesidade de pensar as relacións de constitución e transformación dos seres humanos co seu contorno físico e biolóxico, social e ambiental. Nun tempo en que a concepción do progreso xurdida na modernidade ilustrada devén hoxe cuestionada tanto na súa dimensión de desvelamento da verdade como pola súa incapacidade como impulso liberador.
Propoñíamos como obxectivo fundamental das sesións de mañán repensar a que chamamos natureza, e que para facer patente a función de sospeita da filosofía cara os discursos habituais, titulamos “Tecnonaturezas”.
Pois ben, as cinco análises dos plurais profesores intervintes colmaron as nosas ideas e expectativas iniciais.
Y. Moulier Boutang abordou o tema de mudanza do capitalismo, esa súa nova “grande transformación”, da que estamos a ser testemuñas, ás veces pasivas. Definiu o capitalismo cognitivo explorando nel a transformación dos vellos conceptos cardinais e sacando conclusións desta tranformación, tanto sobre o obrar en común como sobre a representación duns fins dunha sociedade que é a nosa. Ficou así explícito como as novas técnicas da información e da comunicación, o capitalismo cognitivo e a ecoloxía delimitan o espacio agnóstico das novas fronteiras tanto da ética como da política contemporáneas.
A Dra. Alicia Puleo presentou, dende a perspectiva de xénero, de que xeito había que levar a cabo unha educación ambiental á altura dos retos do século XXI. E todo isto á luz dalgúns dualismos opresivos que subxacen á común lóxica da dominación aplicada ao colectivo feminino, pero tamén ás clases desfavorecidas, ás minorías étnicas, ás demais especies animais, etc.
· O Profesor Jorge Álvarez Yagüe analizou como a partir dos séculos XVII e XVIII se da unha esencial ruptura das vellas categorías políticas de Aristóteles para quen o político era a relación entre iguais, mentres que no doméstico se da a xestión do desigual. A partir dese momento, o mundo da vida se integra no político, facendo do bio-político tema de xestión: medicina, seguridade cidadá, etc. Esta evolución culmina no pensamento de Foucault na época nazi, chegando o campo de concentración a ser para Agamben o paradigma da política moderna.
Observou o Profesor Felix Ovejero a medida en que, no enfoque dos problemas medioambientais, os dous modelos tradicionais “ignoraron” o problema: o capitalismo baixo o suposto da abundancia e o socialismo na confianza en ser quen de superar as sucesivas crises daquel. O modelo actual de democracia si aborda o tema, pero pondo o acento na natureza humana, na sustentabilidade e na democracia.Queda por averiguar se o ser humano é un homo economicus ou un egoísta, se as xeracions presentos admitimos renunciar a prol das futuras e se as institucións políticas serán capaces de renunciar aos seus propios intereses.
O filósofo e escritor Francisco Fernández Buey examinou o concepto de sustentabilidade e a súa historia, que empezou sendo unha resposta preventiva ante a perspectiva de colapso global ou parcial do modelo de civilización dominante.A noción xurde nun marco de economía crítica fronte ao “economizar” dominante do mundo actual. De contado algúns filósofos asumiron o reto. Da conxunción dos estudios de todos xurden as ideas básicas para ver como pasar da crítica á teoría estándar á reflexión ética, antropolóxica, social e política relacionada coa sustentabilidade.
A nosa mira nas sesións das tardes non era outra que dibuxar os trazos do noso país. Clarificar e cuestionar, tendo esta perspectiva analítica á que veño de facer referencia como fondo, a noción de progreso, de técnica, de tecnoloxía, que rixe as nosas prácticas cotiáns. Pretendíamos que os estudios enfrontaran Galicia diante do reto da sustentabilidade. Sen pretensións de totalidade, queríamos tocar un abano de temas suficientemente nucleares á vez que extenso. Así o fixemos e, se as exposicións e debates acadaron un nivel e interese verdadeiramente relevante, vémonos obrigados a constatar que os resultados diagnósticos non conducen precisamente ao optimismo.
Dun uso racional, común e sostible do territorio, pasouse a outro baseado en valores económicos privados, en intereses diversos; dunha estructuración humanizada e sustentable saltouse ao culto á fácil rendibilidade. En consecuencia, a necesidade dun plan xeral territorial de Galicia que preserve o protexible: diversidade, paisaxe, etc. xorde como inaprazable. A natureza, a paisaxe, a diversidade teñen un valor “per se”. Non o esquezamos: só somos usuarios do territorio que herdamos e que temos o deber moral de trasmitirlles ás vindeiras xeracións: Augusto Pérez Alberti.
A ausencia de estudios serios de prospectiva fan que as políticas de planificación sigan a contribuír a que Galicia continúe a ser un país subsidiario, de servicios, deslocalizado. Urxe unha política estratéxica de I+D+i para Galicia; un sistema público de I+D+i que forneza de estudios capaces de descubrir e priorizar os sectores estratéxicos polos que apostar. Co mellor e máis formado capital humano da historia –que, en parte, segue a emigrar-, cun tecido productivo en alza, con estruturas e institucións adicadas a I+D+i...só nos fan falla: recursos, organización, ordenación e modelo: Salustiano Mato de la Iglesia.
A consideración das árbores e das augas nunha Galicia sustentable non pode ser independente e autosuficiente: a chamada visión ecoconcentrada; polo contrario, é preciso adoptar unha postura antropocentrada, é dicir, ter en conta a reversibilidade, a reproductividade ecolóxica, a habitabilidade humana, a viabilidade ou rendabilidade económica, e a trasmisibilidade para as xeracións futuras. A nova valoración da natureza ten que tomar en consideración aspectos por desgracia aínda en precario no noso país como os ambientais, os sociais, os recreativos, os novos mercados, etc, Francisco Díaz-Fierros Viqueira.
A actividade económica sobre os recursos naturais do mar está relacionada coas leis propias da existencia e crecemento dos recursos, coas condicións institucionais ou regras de xogo e cos datos propiamente económicos da actividade empresarial. A sustentabilidade implica aplicar criterios que aborden simultáneamente os aspectos estrictamente biolóxicos (conservación das poboacións) e os aspectos económicos que guían actividade humana, de por si bastante complexa. Aínda que membro da Unión, España chega con retraso á política pesqueira europea e está –estamos- a sufri-las consecuencias: Manuel Varela Lafuente.
Falar de agroecoloxía é falar de soberanía alimentaria. As prácticas derivadas da concepción da agricultura moderna, ou convencional, provocaron unha serie de problemas ecolóxicos, sociais, culturais e económicos. No intento de atallar esa crise e as súas consecuencias xurde a agroecoloxía como estudio dos principios sobre dos que se debe basear o deseño duna dunha agricultura sustentable. A soberanía alimentaria non atinxe só á producción senón que é a condición previa para unha auténtica seguridade alimentaria. Neste eido, bótase en falla varias cousas: un poder político capaz de ter un deseño do agro,, unha capacidade productiva autónoma e a participación dos productores nos procesos decisorios. “Comer da terra en troques de nos comer á terra”. Abandono, desertización, despoboación: penoso espectáculo: Xan Xosé Neira e Lidia Senra.
Para as xeiras das noites, cun lema xeral “Espazos para a sustentabilidade”, optamos por unha serie de temas clave e difícilmente eludibles nunha perspectiva de integridade e seriedade.
O investigador do Centro de Investigacións Mariñas de Corón, Doctor Alberto de Coo, iniciou co tema máis achegado: A ría de Pontevedra. Para ela dibuxou un futuro sustentable sempre e cando haxa un cambio de rumbo que implica toda unha serie de condicións. A ría ten valores a preservar como irrenunciables: os naturais, os humanos,a diversidade singular, a grande biodiversidade, etc., etc. Ence promoviu un modelo desenrrolista, ocasionou e ocasiona múltiples problemas medioambientais así como unha forte contestación social, e impide outras canles de desenvolvemento sustentable. Para non santificar os desastres, hai que rectificar o sustentable, dar un paso atrás e propiciar en todo momento a participación de toda a cidadanía. Ence ten que ser traladada do actual enclave xa.
O clásico, pero sempre controvertido, problema da enerxía e a sustentabilidade foi analizado pola investigadora do Ciemat, Doctora Lucila Izquierdo Rocha. Dando por descontado que o desenvolvemento ten que satisfacer as necesidades actuais sen comprometer as futuras ao tempo que nuclea os sostementos ecolóxico, económico, social e cultural, criticou a sociedade presente como consumista e enerxívora en exceso, e amosou un moderado optimismo nos desafíos tecnolóxicos dada a súa idoneidade para enfrontar os obxectivos que definen as teorías enerxéticas da maioría dos países.
A sustentabilidade da cultura ou das diferentes culturas humanas foi o obxecto da reflexión do escritor e autodeclarado “axitador político-literario”, Santiago Alba. Cun fondo pesimismo efectuou unha ácida crítica da actual sociedade capitalista derivando ao anecdótico e transeúnte. Nun momento de hexemonía sen precedentes da privacidade, entendida como privación do mundo, a cultura supervivente devén espontáneamente nihilista e o Home se revela -material e culturalmente- insostible.
A nova problemática dos coetáneos desenvolvementos biotecnolóxicos foi a que lle deu pé á investigadora e Doctora Mabel Loza García para tentar unir cultura, ciencia e filosofía no século XXI. A obtención de fármacos, para mellorar a duración e calidade de vida, ten unha historia homoxénea ata o século XX, época na que, diversos conceptos na evolución da investigación, dan lugar ás distintas xeracións de fármacos. O nacente século viu xurdir a farmacoxenómica e a farmacoxenética e orienta os seus intereses ao estudio dos biomarcadores moleculares. Pero a dictadura da rendibilidade empresarial planea e contamina a investigación.
O Cátedratico e Arquitecto César Portela porá de contado a firma última A arquitectura preserva non só da intemperie física senón tamén da moral: arquitectura e vida.
É de lei amosar o noso agradecemento aos presentes (autoridades, relatores, compañeiros/as organizadores e participantes) e as institucións que en principio apadriñaran este evento: Concello de Pontevedra, Caixa Nova, Deputación Provincial, Colexio de Avogados e Universidade de Vigo.
É de persoas de boa fe – e en Galicia sabemos diso— recoñecelos feitos. Vostedes, autoridades presentes, contribuiron materialmente a facer posible isto e así o recoñecemos. Con todo non queremos deixar de facer referencia á obriga que teñen todas as institucións, aínda que ás veces esquencida, de potenciar todos os eidos da cultura dun xeito política e ideolóxicamente desinteresado, cunha planificación que potencie e recolla iniciativas fomentando a participación de toda a cidadanía. Pero permítanme tamén que, tras vintedous anos dun traballo, coido que serio, firme, soberano, crítico, “gratis et amore”, como o que vimos de facer, témo-lo dereito e mesmo a obriga de pedir que o seu apoio dea duna vez un salto cualitativo en verdadeira consonancia co nivel que este congreso está a acadar ano tras ano. Como así o cremos, así o poñemos enriba da mesa para que sexa tomado en consideración.
Compre recoñecer e expresar públicamente o traballo, compartido e solidario, realizado polas compañeiras e compañeiros da Aula Castelao. Para todas e todos os meus parabéns.
En relación ás inéditas e insólitas intervencións públicas da vicepresidenta da Deputación e portavoz do grupo do PP no concello de Pontevedra nas que se inxuria e vilipendia á Aula Castelao de Filosofía con imputacións falsas e se transgrede o principìo de non inxerencia e lealtade mutuas entre dúas institucións independentes, ratificámonos nas decisións xa tomadas e nas que proceda tomar.
Tanto máis canto que xa teñen gravísimos precedentes que ata hoxe a Aula Castelao de Filosofía intentou desvencellar tanto da nosa Deputación, canto do goberno municipal de Pontevedra, tantos anos dirixido polo PP: Desde 1995, a Xunta de Galicia comezou a rebaixa paulatina das subvencións ás Semanas Galegas de Filosofía. Aínda máis: nos derradeiros cinco anos, a Xunta de Galicia non concedeu nin un só euro para a celebración dos nosos Congresos, recoñecidos polas tres universidades de Galicia, significando que, tanto na Universidade de Vigo, canto na de Santiago tamén se celebran actos cos mesmos poñentes que a Aula Castelao de Filosofía lles presta. ¡Esta reiterada conducta da Xunta de Galicia do PP si que evidencia inequivocamente discriminación política por motivos ideolóxicos e é prevaricadora contra o principio constitucional de igualdade de oportunidades!
Non quixera rematar sen lembrar, unha vez máis, a necesidade de que o ensino e a sociedade no seu conxunto “sapere aude”, que todos ousemos, que nos atrevamos a pensar. Nós fixemos esa aposta desde o principio e seguimos a propo-la coma un desafío. Tentaremos mante-la tea acesa do Pensamento: ese pensamento que non se contenta con interpretar de diversos xeitos, senón que quere transformar; ese pensamento nado e sustentado na memoria subversiva e encoraxinada; ese pensamento que aniña na independencia que ignora o troco das comenencias en conviccións; ese pensamento posto ao servicio da construcción da nosa morada, sempre atento a autocuestionar o noso réxime de verdades sen esquecemento dos valores socio-políticos.
A Filosofía voltou, outra primavera máis, a cumprir a súa misión: ser o facho que aluma o camiño a percorrer. Voltou a ser un saber interdisciplinar, globalizador, holístico. Non ornato, senón ferramenta de análise, como desenmascarador da ideoloxía presente nos demais saberes e ciencias, pero tamén na realidade social, na realidade política. Saber que non debe quedar fechado dentro dos propios muros das institucións académicas. A Filosofía sae á rúa que é onde debe de estar, no ágora. Esa foi, un ano máis, a nosa meta con esta Semana que estamos a rematar.
Mentres os nosos pulmóns están a suspirar por un ambente máis limpo, o intelecto devece polos aires puros da investigación e reflexión sen interferencias. Aquel non é doado recuperalo aínda que estamos nelo e pelexamos por elo. Na mantenza destes seguiremos con empeño indefinidamente: non sabemos, non podemos, non queremos voar a outros territorios. Non nos afaríamos. As nosas raigames só zugan nestas sustancias.
A teoría ven de rematar. O tempo da praxe continúa.