XXI Semana Galega de Filosofía: Filosofía e Cidadanía

 

Conclusións da XXI Semana Galega de Filosofía

 

Manuel Ayán

Membro da Aula Castelao de Filosofía

 

            No acto de feche deste congreso é de lei amosar o noso agradecemento aos presentes (autoridades, relatores, compañeiros organizadores e participantes), e ás institucións que apadriñaron este evento (Concello de Pontevedra, Caixa Nova, Deputación provincial, Colexio de avogados  e Universidade de Vigo).

             Compre recoñecer publicamente o traballo realizado polas compañeiras e compañeiros da aula, para todos o meu parabén.

             Sufrimos co rito de paso do Auditorio. No seu seo vimos de nos sentar xuntos durante vinteúnha primaveras. No seu seo temos escoitado e debatido cos intelectuais máis destacados do mundo sobre todos os temas que preocupan  ao home.   Agardamos que retorne aviado para as esixencias da nova sociedade. Hoxe sentimos morriña do vello auditorio de Caixanova. Desexamos celebrar pronto o seu retorno transfigurado.

            A participación, tan numerosa, nestes encontros intelectuais, que a Aula Castelao de Filosofía vén organizando en Pontevedra, pon en evidencia a necesidade dos mesmos, así como a demanda social de lugares de diálogo (de andar cos outros polo camiña da razón e da fala na procura da verdade), de lugares de debate (de contraposición de razóns na procura do acerto). Esa demanda é síntoma de que algo buliga no corazón da sociedade galega,  que busca un carreiro de luz para botarse a camiñar.  Aquí está a Filosofía, esa serva que camiña por diante con lanternas de vagalumes traídas desde os altiplanos de Bolivia ( indíxena aimara Evo Morales, que te encontras alá lonxe, como a un irmán che falo ... temos semellantes as feridas ... os nosos sonos son iguais ... común temos a patria, común a loita ambos ...) , desde a Francia ilustrada, desde Madrid, Barcelona, Vigo .... Con todas esas chispas habemos construír a estrela que guíe a nosa praxe.

            Foron cinco xornadas, en xeiras de mañá tarde e noite, nas que se levantou cada acto por causa do esgotamento de tempo e non por esgotamento do debate nin das ideas.  E isto foi así porque iso que buliga busca a luz para soltarse a voar.

            Na aldea global, na que habitamos, urxe mudar as relacións de veciñanza. A camisa de forzas dos Reis Católicos está esfarrapada: A lingua é compañeira do imperio; pero  quen anda en malas compañías remata mal. Tampouco se vai ben polo imperio a Deus. A España uniformada e católica do sucedáneo Aznar non vale. Con Amelia Valcarcel soubemos que ou es diferente ou non es ninguén; que  España é unha realidade diferencial; que a multiculturalidade é un feito; que compre asumir o multiculturalismo;  que Europa pronto vai ser un mosaico de culturas; que  non vale a expulsión, nin vale a asimilación, nin vale o xenocidio. Só vale inventar un horizonte de convivencia.

              Urxe aclarar o común e o diferente.  Urxe uniformar o común para convivir nas diferencias.        Que cousa sexa o común e que cousa sexa o diferente  é algo que o debate filosófico  pode axudar a entrever:  non son as relixións o común. As relixións non poden ser os soficos sobre os que se cimente a convivencia pacífica; non é o xénero o común. O xénero non pode ser un sofico da convivencia. A experiencia do patriarcalismo foi monstruosa. Nin a riqueza, nin os costumes, nin as etnias son o común ...  A experiencia do capitalismo e dos racismos tamén foi  monstruosa. 

            Se seguimos o peón da Filosofía e nos orientamos polo seu resplandor quizabes podamos albiscar algunha lucenza boreal.

             Uns sabios gregos, aos que a cultura do poder nomea con desprezo como os sofistas (os profesionais da sabedoría), ensinaron que para convivir, en boa veciñanza, na política democrática, había que ter en conta que todas as creacións culturais son relativas (son formas de inventar a vida en lugares e espacios concretos e para eses lugares e espacios). Que o público o hai que construír sobre o que é común a todos (e o privado sobre as diferencias).  O común é a razón. O exercicio común da razón é o diálogo. A verdade é o acordo, o consenso. No diálogo e no acordo todos poñemos algo de razón.

            Tamén Descartes, ao principiar a idade moderna, nos deixou dito que todas as persoas teñen en común a razón, e que só hai un pequeno problema: sabela usar, empregala correctamente.

            Con Labica concluímos que o poder emprega mal a razón –faina escrava dos intereses duns poucos: cando o concepto de democracia se axusta aos intereses do capital, cando se incumpre o principio da igualdade a da liberdade, cando se separan aos electores dos seus representantes, o Estado de Dereito perde o contido e vira nun ideoloxema e os Dereitos humanos quedan reducidos a unha casca fofa. A xestión lexislativa do capitalismo escápase dos parlamentos. A Democracia é unha esixencia, non unha realidade. Hai unha demanda social de democracia. Hai que liberar á sociedade civil do estado carcelario. 

             Coa globalización o mercado mudou a man invisíbel  nun puño de ferro. Sentimos, co profesor Cápella, noxo e vergoña de pertencer a especie humana, a causa da cultura da violencia na que vive. Declarámonos mutantes humanos con el. Non aceptamos esa forma de vida. “Declárome terrorista no Iraque –con Iván Prado-“. “Eu exíliome, tamén,  do eixe do ben. Dáme noxo o eixe do ben. Ou seus líderes son laxantes e vomitivos para min”. “Todos somos madrileños, albaneses, marroquís, salvadoreños ...  en Átocha”. “Todos somos iraquís, afganos, palestinos, todos somos fuximos da fame nas pateras.  Temos semellantes as feridas ... os nosos sonos son iguais ... común temos a patria, común a loita ambos.  En pé os escravos da terra. En pé os que non teñen pan”.

                         “Se aos gobernos lles quitamos a xustiza, ¿en que se diferencian dunha manda de salteadores?” –preguntábase Santo agostiño-. Iso mesmo, digo eu, ¿en que?, a ver, ¿en que?. “O Congreso Internacional XXI Semana Galega de Filosofía ... ACORDA:

 ... Punto 2. Repudiar expresamente os masacres contemporáneos do pobo iraquí e da nación palestina baixo as botas dos gobernos dos EE.UU. de América e dos seus aliados”. ...  Isaías  avisounos, a paz e froito da xustiza.

            Os movementos pola igualdade e pola paz son iso que buliga no bandullo da democracia secuestrada, na procura outra orde democrática diferente. Outro mundo é posíbel.

            ¿Qué teño dereito a esperar? –preguntábase Kant, nunha situación de transformación social- . Esa é a nosa pregunta de agora. ¿qué futuro nos agrada?. Depende.  –di Kant-. Depende do que fagamos. As expectativas de futuro hanse fundamentar no obrar actual.  Se nos comportamos como debemos a nivel ético, temos dereito a esperar unha vida feliz. Se nos comportamos como debemos a nivel político, é dicir, se facemos que se cumpra a xustiza, temos dereito a esperar unha sociedade cosmopolita xusta, libre e igualitaria, é dicir, feliz.  Mais para saber que é o que debemos facer cumpre acudir ás luces da razón e diferenciar o reino dos medios do reino das fins.

    O reino dos medios é a esfera dos instrumentos e das ferramentas (da ciencia e da tecnoloxía). O reino das fins é a esfera da vida humana, da ética e da política.  Kant agasállanos unha palabra máxica para poñer de alicerce na construcción da cidade cosmopolita : a dignidade.  Cada persoa é unha fin en si mesma e iso eu teño que recoñecerllo a cada persoa porque o esixe a miña dignidade.

            A idea de construír a sociedade cosmopolita nunha república democrática, laica e pacífica torceuse á hora de organizar os Estados contemporáneos.

            O Estado contemporáneo, no que vivimos, abducido polo capital víralle as costas á cidadanía e muda todo en mercado. Vira o cidadán en consumidor. Vira os dereitos en hipotecas. Vira as liberdades en submisións. Vira as reivindicacións en réditos.  O Estado inmobilizada á sociedade. Fecha o horizonte da esperanza. Fomenta a fatiga de vivir e o pesimismo da apocalipse. O fetichismo do mercado pon as cousas no lugar dos homes e aos homes no lugar das cousas –diso avisounos Marx-  e somos mercadorías no mercado de traballo e temos o valor que o mercado lle dá ás cousas que vendemos. ¿Canto vale un viaxeiro de patera?.  Ten un valor negativo, é un número vermello na economía. O mellor é poñer aos parados en ría pola orela do estreito, cun estadullo na man,  para mallar na testa dos que arriben aos areais da península ibérica –comentou Amelia Valcarcel, que lle oíra dicir, cos seus propios oídos a un político galego de moita relevancia-. 

            E Paco Sampedro dixo palabras prohibidas. Dixo: proletario, burguesía, loita de clases, capitalismo, Carlos Marx. E dixo aínda máis e aínda foron máis as que calou, por falta de tempo –dixo-, pero haber hainas.

            Isto é o que hai, o real. Pero o que hai non é o que queremos. Temos a necesidade de inventar o que queremos e de rexeitar o que temos.  Estamos paralizados por un accidente histórico. Pero xa principiamos a facer os exercicios recuperación, xa nos movemos e eses movementos devolveranlle o corpo político á cidadanía. Un corpo reconstruído sobre os valores do laicismo, alimentado  coas proteínas do diálogo e situado nun lugar chamado consenso.

            Os galegos temos necesidade de construír o noso hábitat humano dentro desa República Cosmopolita de cara á que camiñamos. Galicia necesita fixar a súa veciñanza na federación  ibérica, no barrio Europa. Pero ou somos diferentes ou somos nada –di Amelia Valcarcel-.

            Evo Morales afirma que Bolivia ten que ser refundada, que os bolivianos deben ser os protagonistas do seu propio destino, que os recursos naturais de Bolivia deben estar ao dispor do pobo boliviano. 

            Quizabes os galegos debamos facer algo semellante ao que di Evo Morales: refundar o país, tomar o protagonismo na construcción de Galicia, apropiarnos dos nosos recursos naturais e devolverlle a fecundidade á terra e a vida á natureza. Atila en Galicia –dixo Castelao-. A resposta foi  “¡Nunca máis!”

            Para iso temos que fincar ben os pés no chan, como Anteo no mito. Mentres Anteo tiña os pés na Terra, recibía dela a enerxía que o facía invencíbel. Só cando lle fixeron a mangancha de separalo da Terra se mudou en vulnerábel.  Tamén Narciso perdeu a vida por poñer a súa alma fóra de si, no reflexo da auga.

            Temos que queimar as maletas da emigración. Nunca máis  á emigración, nunca máis extraviarse polo mundo adiante na procura dos medios de vida.  Necesitamos reconstruír o país para que podamos vivir nel.

            Temos que recuperar a nosa identidade, normalizar a nosa cultura, a nosa lingua, a nosa identidade, porque  ou somos nós ou non somos nada.  Se poñemos a nosa identidade fóra de nós, se nos recoñecemos reflectidos noutras culturas e noutras linguas, sucederanos o de Narciso, perderemos alma,   como dicía Joaquíen Albaicín dos Xitanos..

             Quizabes que, para realizar o proceso da reconstrucción do noso hábitat humano,  teñamos que pasarnos ao eixe do mal, se é que non estamos xa nel, e dicir palabras prohibidas como liberación, autodeterminación, república, independencia, o monte é noso e non de Celulosas, o bosque é noso e non de Celulosas, o aire é noso e non de Celulosas, o mar é noso e non de Celulosas, os ríos son nosos e non de Fenosa, as serras son nosas e non de Fenosa.

            Quizabes teñamos que ocuparnos nós do medio no que habitamos  e abrirlles as portas a todos os que queiran convivir connosco. Aquí, como dicía Gandhi, hai sitio para todos. E compartir a riqueza do noso traballo solidariamente. E devolverlle a natureza o lugar que lle corresponde: o de Nai e Señora.

             E xa estamos a movernos. Os galegos temos recuperado a masa, a multitude e temos ocupado os lugares públicos e temos decidido que, se hai que ir ao inferno vaise, pero co corpo dereito, coa vista alta: con dignidade.  É por ese camiño polo que nos estamos a mover.

            A Semana Galega de Filosofía puxo o pensamento ao servicio da construcción da nosa morada. A Filosofía  volverá cada primavera umprir a súa función de camiñar diante co facho da luz acesa .

            A filosofía sirve para axudarlle ao home a poñer as cousas onde deben estar e para que se faga a xustiza, dixo Kant.

            Non haberá xustiza no mundo mentres os gobernantes non se dediquen a verdadeira Filosofía –dixo Platón.

            A teoría vén de rematar, é o tempo da praxe.