XXII Semana Galega de Filosofía: Filosofía e Sustentabilidade

 

Apertura da XXII Semana Galega de Filosofía

 

Carme Adán Villamarín

Coordenadora da Aula Castelao de Filosofía

 

Ao redor da XXI Semana Galega de Filosofía: Filosofía e Sustentabilidade

Dúas preocupacións fundamentais percorren a filosofía desde a súa orixe, por unha banda, definir o espazo ético e político onde reside o ser humano e, por outra, cuestionar o estatuto ontolóxico e epistemolóxico da chamada natureza. Na edición da primavera anterior a Aula Castelao de Filosofía asumíu a necesidade de pensar a cidadanía como centro da vida ética e política. Nesta vixesimosegunda edición da Semana Galega de Filosofía, á que agora damos comezo, a Aula Castelao de Filosofía escolle como tema fundamental de reflexión e análise ás relacións de constitución e transformación dos seres humanos co seu contorno físico e biolóxico.

 Sen embargo, aínda que se necesiten dúas semanas de filosofía diferentes para estes temas, ben seguro que necesitaríamos moitas máis, pois os lindeiros que separan as preocupacións ético-políticas das ontolóxico-epistémicas son cada día máis borrosos ou, incluso, non existen. Hoxe é unha cuestión ética e política de que xeito definimos á natureza.

Así para algúns a natureza segue a ser unha esencia inmutábel totalmente allea aos seres humanos e cun marcado carácter sagrado; tamén é moi común entender a natureza como un recurso explotábel ao servizo dos intereses do capital; non faltan entre as comunidades académicas os que ven na natureza un constructo cultural que debe toda a súa realidade a vontade da razón humana; e, por último aínda ao prezo de simplificar en exceso, podemos indicar unha cuarta percepción da natureza como aquela que se concibe como un híbrido entre o dado e o construído, como un cíborg que pretende mostrarnos o carácter cultural da natureza e a naturalidade da cultura, como un espazo para a transgresión das fronteiras entre a materialidade e o discursivo.

O certo é que a palabra natureza é de uso cotiá e recurrimos a miúdo a denominar de natural a unha manchea de eventos, situacións ou estados de cousas que a pouco que deteñamos a mirada os atopamos atravesados polos vectores da tecnoloxía e o capital entre outros. Entón, cando falamos de natureza, ¿a que nos estamos a referir? A un espazo imaxinario que non existe, romantizado polos soños dunha cultura fortemente destructora ou, máis ben a natureza é o espazo que se constrúe desde a cultura, o lugar para pensarnos como seres humanos que necesitan un espazo físico e biolóxico para subsistir, o lugar para tecer unha inmensa rede de discursos que como nun xogo de lentes devólvennos unha imaxe transformada, cargada de significados, desa materialidade.

De entre todos os discursos posíbeis, o imperio da ciencia e da tecnoloxía, da man do desenvolvemento económico, conseguiron cristalizar unha política da natureza enraizada nunha concepción do progreso como acumulación de verdade, destrezas para a intervención e riqueza. Unha concepción do progreso ilustrada que hoxe devén cuestionada non só na súa dimensión de desvelamento da verdade senón, prioritariamente, pola súa incapacidade para ser un motor de liberación.

De feito, interrogarse polo carácter “sustentábel” do desenvolvemento é cuestionar o noso réxime de verdades e accións e asumir que o coñecemento é un acto de responsabilidade, non exento de valores sociais e políticos.  Así, as guerras polo recursos, as fontes enerxéticas ou a auga desenvólvense en paralelo á proliferación de supostos desastres naturais, os cales deben a súa magnitude e repercusión a concepcións tal vez un tanto erradas da nosa relación co entorno no que vivimos.

Repensar a que chamamos natureza é o obxectivo fundamental das sesións de maña desta vixesimosegunda edición. Ante a dificultade de manter a dicotomía clásica natureza/cultura escollimos por título “tecnonaturezas” co afán de mostrar a función de sospeita da filosofía cara os discursos habituais.

As sesións de tarde acollen temas que non poderían ser obviados ao someter a análise a natureza e o progreso a respecto de Galiza. Tanto a reflexión sobre o territorio, os montes e os ríos, o mar e a pesca, ou o agro como a investiagación e o desenvolvemento en Galiza son puntos necesarios a clarificar cando cuestionamos a noción de progreso que rixe as nosas prácticas cotiás. De igual xeito nas sesións de noite escolleronse catro temas clave no debate sobre a sustentabilidade, desde o máis achegado coa ría de Pontevedra até ao que parece máis afastado cos novos desenvolvementos biotecnolóxicos que veñen a poñernos en cuestión cal é a verdadeira natureza humana, pasando polo clásico, pero sempre controvertido, problema da enerxia ou a sustentabilidade das diferentes culturas humanas. A perspectiva desde a arquitectura, como fusión entre o espazo dado e o construído clausura esta Semana Galega de Filosofía.

Outro ano máis vos damos a Benvida desde a Aula Castelao de Filosofía.

Benvidas e benvidos á vixesimosegunda Semana Galega de Filosofía.

Benvidos: Ilustrísimo Alcalde de Pontevedra, Miguel Fernández Lores, Subdirector Xeral de Caixanova, Antonio Gómez Rivera, Vicerreitor de Titulación, Posgrao e Formación Permanente, Antón Fernández. Grazas pola colaboración das entidades que vostedes representan. Asemade, o agradecemento o resto das institucións que fixeron posíbel a organización desta Semana de Filosofía, Deputación de Pontevedra e o Colexio de Avogados.

Desde a Aula Castelao de Filosofía agardamos que as xornadas que hoxe comezamos sexan, cando menos, o que xa tantas veces temos enunciado, un foro crítico que nos permita debater sobre os problemas que nos preocupan e que a súa solución, lonxe de ser sinxela, é como o propio concepto de natureza, rica e complexa, formada polas múltiples ópticas que constitúen o pensar mesmo.