XXI Semana Galega de Filosofía: Filosofía e Cidadanía
Coordenadora da Aula Castelao de Filosofía
Ao redor da XXI Semana Galega de Filosofía: Filosofía e Cidadanía
A Aula Castelao de Filosofía chega a esta vixesimoprimeira edición da Semana Galega de Filosofía logo de ter percorrido un amplo camiño. Unha traxectoria na que desde a filosofía tentamos facer do pensamento crítico algo máis que unha expresión comodín. Levamos primaveira a primaveira reunindo en Pontevedra a un foro que pula por participar e debater, o que nos permite ter azos para acometer unha nova Semana Galega de Filosofía, que nesta ocasión leva por título "Filosofía e Cidadanía".
A cidadanía sitúanos no centro da reflexión e práctica política na actualidade. Os acontecementos que levamos vivido na entrada do século XXI nos mostran que o fin da historia non pasaba der ser un delirio dos teóricos do neoliberalismo. No mesmo sentido que os que vaticinaban o fin da cidadanía participativa e das movilizacións sociais tiveron que ver aos cidadáns e cidadas unindo as súas voces fronte aos desmáns dos seus gobernos. Tal vez sexa o momento de falar dunha reactivación da sociedade civil, dunha toma de posición do chamado "mundo da cultura", dun esgotamento dos "pos" -posmodernidade, poscolonialismo, poshumanismo-.
Partimos da necesidade de ter como un obxectivo fundamental desta vixésimoprimeira Semana Galega de Filosofía analizar o concepto de cidadanía no marco da filosofía política actual. Baixo o título "Repensar a cidadanía" queremos someter a debate un dos conceptos que desde a Ilustración deliña o ámbito mesmo do político e que funde as súas raices na filosofía grega mesma. Afirma Aristóteles "O que estudia os rexímenes políticos, qué é cada un e cales son os seus atributos, debe tratar de ver en primeiro término qué é a cidade. (...) Posto que a cidade consta dos elementos que a compoñen, como calquera outro composto de moitas partes, é evidente que primeiro se debe estudiar ao cidadan. A cidade é, en efecto, certa multitude de cidadans, de maneira que temos de considerar a quen se debe chamar cidadan e que é o cidadan". (Aristóteles, Política, Libro III)
É aí o problema dos nosos días, ¿a quen debemos chamar cidadán ou cidada?, ¿qué é o que nos configura como suxeitos con acceso á cidadanía?: ¿a pertenza a un estado?, ¿o nivel adquisitivo?, ¿a capacidade para a contestación?, ¿a profesión de diferentes crenzas?, ¿ser suxeito de dereitos?. Se un novo imaxinario político se ha de conformar na sociedade contemporánea a filosofía debe presentar as súas ferramentas analíticas para enfrontarse aos poderes económicos e mediaticos que perseguen a uniformación do pensamento. Que como vemos pola súa efectividade poden dalgún xeito porse en cuestión, alo menos ao nivel de revoltas localizadas ante o que a cidadanía sente como a exclusión na toma de decisións. Se lembramos as palabras de James Petras na edición do ano anterior desta Semana de Filosofía movémonos entre as furnas e a rúa, pero non cabe dúbida que a cidadanía se move.
Neste sentido plantexamos as sesións de tarde e noite. Tratamos, na medida das nosas posibilidades, de reunir propostas e alternativas aos problemas cotiás desde diferentes colectivos e movementos sociais. As tardes centradas nas alternativas desde Galicia pretenden reflectir a realidade dunha cidadanía comprometida e para nada adormecida polos poderes impostos desde arriba. Predomina o mundo da cultura dado o compromiso que marcan as dinámicas socio-culturais do noso pais nos últimos tempos. As sesión de noite tentan dar conta de diferentes tipos de exclusións que variados movementos sociais denuncian e combaten, desde a exclusión dos outros "Outros" a utilización da natureza a vontade das grandes empresas e multinacionais.
Aínda que o termo cidadanía se emprega nos contextos máis variados e desde as instancias de poder máis diversas, posiblemente para limitar a carga de semiótica subversiva que posue, as movilizacións contra a xestión da crise do Prestige, as protestas pola invasión de Iraq, as reaccións contra o atentado e a masacre do 11-M, a Marcha Mundial das Mulleres prevista para Vigo en maio nos presenta unha cidadanía activa e comprometida. Como a que se atopa aqui e agora.
Benvidos e benvidas á vixesimoprimeria Semana Galega de Filosofía.
Benvidos: Ilustrísimo Alcalde de Pontevedra, Miguel Fernández Lores, Subdirector Xeral de Caixanova, Antonio Gómez Rivera, Vicerrector de titulación, posgrao e formación permanente, Antón Fernández. Asemade, o agradecemento o resto das institucións que fixeron posíbel a organización desta Semana de Filosofía, a Deputación de Pontevedra e o Colexio de Avogados.
Nun momento no que se enmascara a liberdade dos cidadans e cidadas co tema das cotas de Seguridade, tal vez debamos lembrar as palabras de Marx e tirar as consecuencias pertinentes. "O concepto da seguridade non fai que a sociedade burguesa supere o seu egoismo. A seguridade é, polo contrario, a garantía dese egoísmo. Ningún dos chamados dereitos humanos trascende, polo tanto, o home egoista, o home como membro da sociedade burguesa, é dicir, o individuo replegado en sí mesmo, no seu interese privado e na súa arbitrariedade privada e disociado da comunidade." (Marx, A cuestión xudea).
Ante a vixencia desta palabras, só cabe cuestioarse a quen interesa a manteza dun sistema de exclusións que crea unha casta de cidadáns de primeira e un amplo mundo de desposuidos. Subvertir a lóxica da dominación require grandes esforzos de teoría e práctica social. Agardamos que estes cinco días da vixésimoprimeria Semana Galega de Filosofía sexan un escenario productivo nesta tarefa.